Os magostos regresan á provincia de Ourense coa desescalada

Tras suspender a súa festa máis importante, o Entroido, a provincia ve a luz ao final do túnel este mes de novembro coa celebración dos magostos.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 10/11/2021 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

Tras suspender a súa festa máis importante, o Entroido, a provincia de Ourense ve a luz ao final do túnel este mes de novembro coa celebración dos magostos. "Aínda non son o que eran pero que se poida facer algo xa é máis que o ano pasado". Así describen a situación os veciños do concello de Ribadavia, un dos que reunirá a veciños e visitantes que se pasen pola alameda o xoves para conmemorar o San Martiño.

Castañas para o magosto
Castañas para o magosto | Fonte: mundohr.com

A alcaldesa, Noelia Rodríguez, celebra que se poida recuperar a festa popular. No caso de Ribadavia será breve, a partir das 20,00 horas, unha situación completamente diferente é a que vive a capital, Ourense, onde o programa de actividades comeza ás 12.00 da mañá e acaba pasadas as 22.00 horas. E é que para Ourense, ademais, é o patrón da cidade e por tanto festivo.

A cidade tivo que atrasar a planificación dos actos de San Martiño, polo que seguirá sen poder celebrar o que era o seu antigo magosto, pero iso non implica que non haxa castañas e chourizos.

"Tivemos que usar a improvisación, a covid non nos deixou planear, imos un pouco sobre a bucina, pero das 18,00 ás 22,00 horas haberá castañas a fartar", así o enxalzou o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome trasladando que, para substituír a falta da comida popular, o Concello regalará durante a tarde do xoves cornetes de castañas entre todos os viandantes que se atopen no centro da cidade.

A programación recupera os gaiteiros e os cabezudos polas rúas da cidade. Tamén volverán os espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar en diferentes emprazamentos, haberá carpas no barrio da Ponte, no xardín do Posío e no Parque do Barbaña.

Ademais, a programación finalizará cunha festa, a actuación da orquestra París de Noia ás 19,00 horas na avenida Pardo de Cela, aínda que, seguindo o protocolo covid, haberá un aforamento establecido en cada unha das actividades.

No resto de concellos o magosto tamén regresa, pero fano noutras datas. No Carballiño celebrarase este domingo a partir das 16.30 horas e chourizos, castañas asadas e bica non faltarán no evento no que haberá tres actuacións musicais e un DJ e atraccións para os máis pequenos.

Unha situación similar á que viven no concello do Barco de Valdeorras xa que, tras o parón provocado pola pandemia, volve o Magosto a Viloira. Seguindo as medidas sanitarias serviranse castañas a todos os asistentes a partir das 19,00 horas na praza dela localidade pero, ademais, amplían a súa programación aos días 12 e 13 con dúas actuacións musicais enmarcadas baixo o título xenérico de por "San Martiño música non camiño".

Así, o concello recupera os dous concertos que tiveron que suspender no mes de setembro. En concreto, Susana Seivane actuará o día 12 ás 20.30 horas na praza Andrés de Prada e o grupo Taxungueiras estará no mesmo lugar, tamén ás 20.30 horas, pero o sábado 13.

Mentres, en Xinzo de Limia presumen de magosto tradicional e subliñan que eles poñen na súa oferta os xogos populares, un regreso que aínda non se dá nas outras zonas e ao que suman música da man do Centro de Desenvolvemento Rural o Viso. Deste xeito, en colaboración coa asociación A Pantalla, retoman unha celebración cun programa de actividades que "vai máis aló da degustación das castañas" e incluirá foliadas e concertos. Todo iso será na tarde do venres a partir das 16,30 horas.

Deste xeito, aínda que os magostos regresan a moitas das localidades da provincia non o farán a partes iguais nin o mesmo fin de semana. Así, o concello de Verín adiantouse ás datas e demostrou o sábado pasado que amodo regresan á normalidade, cunha degustación de castañas acompañada dunha foliada na Praza Maior foi a súa forma de celebralo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta