Por GCAgro | Santiago de Compostela | 10/03/2014 | Actualizada ás 14:00
D.G. Edelmiro López Iglesias é gran experto no estudo do campo galego. Profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, dirixiu entre 1999 e 2005 o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Durante o Goberno Bipartito (2005-2009) ocupou o cargo de Director Xeral de Desenvolvemento Rural na Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, asumindo tamén as responsabilidades de Director Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e Director do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), o organismo encargado da xestión en Galiza das axudas da Política Agraria Común (PAC).
-Realmente coa crise está habendo unha incorporación importante de mozos á agricultura en Galicia?
De modo máis estrutural ven habendo nos últimos 30 anos un problema de relevo xeneracional nas explotacións. Inicialmente, cando había un volume moi alto de man de obra, víase como inevitable de que só nunha parte das explotacións quedara alguén novo para que se puideran crear explotacións máis grandes.
O que pasa é que no proceso de axuste da man de obra no agro pasámonos de freada e a partir dos anos 90 empeza a haber un problema de que mesmo explotacións viables non teñen ningún relevo xeracional.
Iso é un problema permanente. O que está pasando nos últimos anos é o que se da sempre nos períodos de crise: cando se deteriora o mercado de traballo e as alternativas laborais practicamente desaparecen hai moita xente nova que tería marchado da explotación familiar e que decide, porque non lle queda outro remedio, permanecer durante uns anos.
De feito, os propios datos estatísticos mostran como a caída da man de obra na agricultura dende o ano 2008 ralentizouse, igual que ocorreu na recesión de principios dos 90 e antes na crise da reconversión industrial dos 80.
Numericamente hai un certo freo do abandono da agricultura. Un retorno de xente nova á agricultura? Non. Todos podemos coñecer algún caso puntual, pero en cifras globais non hai un fenómeno de retorno ao campo.
Si habería espazo para que moita xente nova e formada con escasas perspectivas laborais nos próximos anos na cidade, puidera desenvolver un proxecto no medio rural, ben na agricultura ou noutro eido. Pero para iso precísanse políticas moito máis decididas de facilitar esa incorporación.
Por exemplo, unha medida neste sentido sería crear un censo de explotacións agrarias que van quedar vacantes e cruzala cun censo de candidatos para incorporarse e formar a fórmula máis axeitada, dende ser contratados polo antigo titular ou ser arrendada. Ou axudas a proxectos dinamizadores do rural.
Segue persistindo en Galicia a asociación do campo co atraso?
Si. Cando un mira porqué a xente nova ante a crise segue abandonando o agro e moitas veces vai traballar de camareiro a unha cidade galega gañando mesmo menos que na explotación hai dous factores, un obxectivo e outro que ten que ver cos valores sociais.
Empezando polo último, sobre todo nas xeracións a partir de 60 anos, hai unha asociación de agro a atraso e miseria porque foi o que eles viviron. E a pesar de que foron cambiando a mellor as condicións de vida no rural segue existindo esa asociación, sobre todo nas zonas rurais de Galicia onde houbo menor desenvolvemento de explotacións modernas, como en Ourense.
E tamén hai un factor obxectivo para ese abandono que é o acceso aos servizos. E o termómetro máis claro diso é que quen primeiro emigra son as mozas porque o horizonte que se lles presenta a maior parte das veces é quedar na explotación do home coidando dos menores e das persoas maiores, e sen ningún servizo público que lle axude niso.
E cos recortes dos últimos anos esa falta de servizos estase acentuando con medidas como a supresión do transporte adaptado para persoas con discapacidade, de servizos sanitarios, de marcha atrás na aplicación da lei de dependencia ...etc.
Se non se modifica isto parece difícil que a xente por puro voluntarismo se quede a vivir no rural.
Hai defensores da teoría do decrecemento que defenden un proceso de reruralización a nivel europeo e mundial.Como estudioso do tema tes constancia disto?
Para nada. Un pode atopar grupos ou persoas concretas que sendo de orixe urbana deciden ir vivir ao rural. Pero o balance global cando un ve as estatísticas segue sendo dunha caída da poboación nas áreas rurais, no caso galego bastante intenso. Pero a nivel mundial tampouco se percibe. Por exemplo, en América Latina está habendo un proceso de urbanización moi forte.
Pero para nada hai un proceso de reagrarización, no sentido de retorno á actividade agraria, nin de reruralización, no sentido de trasladarse a vivir ao campo.
Non se percibe ese proceso tampouco a medio ou longo prazo?
Creo que vai adquirir máis importancia a función residencial de parte das zonas rurais, próximas ás cidades. Partindo de que as tendencias é moi complicado xa non revertelas senón frealas, creo que as zonas rurais con maior atracción residencial van manter ou mesmo gañar poboación.
E para o resto do rural galego dependerá das políticas que se queiran aplicar. Se hai unha aposta decidida por poñer en valor os recursos agrarios e desenvolver todo tipo de actividades no rural, creo que se pode frear o despoboamento. Se se deixa que as tendencias do mercado actúen libremente...pouco futuro hai.
Cómo valoras as políticas de apoio ao rural do actual goberno da Xunta? Véndoo friamente, creo que dende o 2005 ao 2009, con erros, houbo un intento bastante consistente de invertir as tendencias de abandono do rural e puxéronse as bases dalgunhas políticas novas sabendo que só darían resultado a medio e longo prazo. Porén, nos últimos 5 anos de goberno Feijoo esas medidas deixáronse morrer ou abandonáronse por completo.
Así, a liña de axudas a proxectos dinamizadores segue nominalmente pero déuselle a volta no seu sentido de forma que os beneficiarios principais pasaron de ser promotores privados de actividades económicas no rural a ser os concellos, que por esta vía cobren parte do seu déficit de financiamento. Ou o Banco de Terrras, non se elimina pero déixase vexetando sen que cumpra a súa función.
Paréceme que o goberno actual ten interiorizado un diagnóstico, que xa viña dos gobernos anteriores do PP, de que o rural galego non ten futuro e polo tanto non nos imos matar en combater tendencias que son inevitables.
O goberno bipartito do 2005-2009 si que criamos no futuro do rural, non por saudade do pasado, senón porque todos os países desenvolvidos de Europa teñen un medio rural vivo e productivo, e polo tanto o rural é moderno.
Segue sendo un problema o acceso á terra en Galicia?
O facilitar o acceso á terra para a actividade agraria é clave tanto para facilitar a viabilidade das explotacións existentes como para facilitar a incorporación de xente á agricultura.
E nisto temos un problema fundamental sen resolver. En primeiro lugar, dos 3 millóns de hectáreas que ten Galicia de superficie só se aproveita para cultivos e pastos unha quinta parte, unhas 650.000 hectáreas segundo o censo agrario de 2009, canto no resto do Estado e de Europa esa porcentaxe de superficie agraria é o dobre ou máis.
Temos, polo tanto, unha parte do territorio moi pequena aproveitada para fins agrarios pero un millón de hectáreas totalmente abandonadas.
En segundo lugar, temos 1.600.000 propietarios de terra, a maioría sen vinculación con ela, e un máximo de entre 40 e 50 mil explotacións agrarias con certa actividade. O Banco de Terras de Galicia intentaba introducir un mecanismo público para incentivar a cesión de uso das terras dos que non as traballan para aqueles que as necesitan.
Isto foi obxectivo da demagoxia do PP, acusándonos de comunistas e de que lle iamos quitar a terra á xente. Cando voltou ao Goberno o PP deuse conta de que os profesionais da agricultura eran os máximos defensores do Banco de Terras, entón optou por deixalo aí perón non activalo. E poño dous exemplos: para que funcione o Banco de Terras é preciso promocionar que a xente incorpore as súas terras ao Banco. E a Lei do Banco de Terras contempla un réxime sancionador para os propietarios de terras abandonadas. E para iso compre valentía política. Sen embargo, o Goberno fai un cálculo de xestoría electoral e non do que precisa ou país.
Ademais, hai que ter en conta que ata o ano 2008 Galicia podíase permitir o luxo de ter 1 millón de hectáreas abandonadas porque o prezo dos alimentos nos mercados mundiais era barato e mesmo para os gandeiros lles podía resultar máis barato mercar cereais fóra que producilos el. E no caso dos incendios, podíase cubrir con gasto público tanto de fondos propios como europeos para extinción de incendios.
Pero a partir do 2008 o prezo dos alimentos para o gando nos mercados mundiais encareceuse notablemente e coa restrición do gasto público cada vez é máis difícil cubrir con fondos públicos a extinción de incendios.
Por iso, ter un millón de hectáreas abandonadas é un luxo que Galicia xa non se pode permitir. E iso xa se ve agora, porque os gandeiros están buscando terras a toda costa para autoabastecerse o máximo posible.
Galicia precisa dunha reforma agraria do século XXI e iso intentouse facer no 2005-2009 pero co actual goberno volveuse á situación anterior. Pero problema é que agora xa non podemos seguir así porque os propios dos cereais e da soia vanse manter altos nos próximos 20-30 anos.
Tedes algún estudio sobre a potencialidade de creación de emprego do agro en Galicia?
Neste momento, segundo os últimos datos da EPA, hai 55.000 ocupados na agricultura en Galicia. O que precisamos é consolidar eses postos de traballo, que son o 5% dos ocupados en Galicia.
Non é nada aventurado dicir que a posta en produción dese 1 millón de hectáreas abandonadas permitiría consolidar a medio prazo entre 60 e 70 mil persoas traballando na agricultura. Pero un debe ver toda a cadea produtiva, non só a produción de materias primas, e por iso a capacidade de xeración de emprego é moito maior.
Por exemplo, no sector lácteo producimos o 40% do leite do Estado pero só transformamos industrialmente aquí o 10%, o que supón uns 2.000 empregos. Por iso, se pensamos ter unha industria láctea á altura do noso sector productor multiplicaríamos por 4 o emprego e o valor engadido, é dicir 8.000 empregos, dos que 6.000 serían novos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.