Nace en Compostela unha mostra de cinema "rabuda" para combater problemáticas sociais

"Cinema Rabudo" proxectará oito pezas audiovisuais entre o 22 e o 26 de novembro nos Multicines Compostela.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/11/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Xerar un espazo de encontro para o audiovisual crítico e inconformista e incitar o debate e a reflexión sobre problemáticas sociais de actualidade. Ese é o obxectivo de Cinema Rabudo, unha mostra de cinema que nace en Santiago para por o foco nos feminismos, o ecoloxismo, os dereitos humanos, a multiculturalidade e as migracións. A mostrá programa oito pezas que se proxectarán entre o 22 e o 26 de novembro nos Multicines Compostela, sempre ás 20:00h, con entrada libre e de balde ata completar aforo.

Cinema, butaca, butacas, despacho de billetes, entrada, entradas, película, películas, exhibición, proxector de cinema, cinematografía, espectador, espectadores. EUROPA PRESS - Arquivo
Cinema, butaca, butacas, despacho de billetes, entrada, entradas, película, películas, exhibición, proxector de cinema, cinematografía, espectador, espectadores. EUROPA PRESS - Arquivo

A mostra, organizada por Agareso –Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social– ademais da proxección dos filmes, tamén contará coa participación –presencial ou virtual– da maioría das autoras e autores das obras, con quen o público terá a oportunidade de compartir coloquio ao remate das pezas.

O primeiro día da Mostra, luns 22 de novembro, Cinema Rabudo iniciará a súa andaina coa proxección de catro curtametraxes. Entre elas 'El amargo sabor de las naranjas', realizada por estudantes do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional de Agareso e A Asamblea de Cooperación pola Paz –ACPP-. A peza, gravada en Lepe, narra as duras condicións de vida dos temporeiros da froita. A esta curta acompañarana outras tres, gañadoras do último certame audiovisual EDITA: 'Las flores que arrancas', 'Je suis nue' e 'O afeto e a rúa'.

O martes 23 será a quenda do documental 'Garantía de Vida', que denuncia as consecuencias que ten sobre a vida das mulleres a prohibición total do aborto na República Dominicana. Na peza, as vítimas ou as súas familias contan, a través da súa experiencia, o que supón vivir baixo o marco dunha lei que impide a interrupción do embarazo en tódolos supostos. Ademais, o documental segue de cerca a loita das mulleres dominicanas para a despenalización do aborto en tres causais.

O mércores 24, é a quenda do documental 'Cholitas',  que amosa a vida de cinco mulleres indíxenas que coas súas vestimentas tradicionais lograron ascender os 6.962 metros do Aconcagua, a montaña máis alta de América. Pola súa banda, o xoves 25 porá o foco na realidade das persoas migrantes que cruzaron o Mediterráneo estes anos tratando de chegar a Europa a través do documental 'Cartas Mojadas'.

Pechará a I Mostra Galega de Audiovisual Inconformista, a proxección, o venres 26, o documental '#boza', un selfie en primeira persoa do plural sobre as migracións. As súas protagonistas, Alhassane, Aminata, Mamadou, Mariam e Yahya explican en primeira persoa e coas súas propias imaxes o seu periplo cara Europa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta