Por GC Tendencias | Zurich | 14/03/2014 | Actualizada ás 17:34
Roi Casal e a súa banda actuarán o vindeiro 22 de marzo en Zürich, onde o músico galego dará o pistoletazo de saída a esta nova xeira da súa andaina profesional, logo do éxito da xira Maxicamente Vello, con máis de 50 concertos e 10.000 discos vendidos só en Galicia.
O concerto, que se celebrará no pavillón polideportivo sito en Unterrohrstr, 2 Schlieren da cidade Suíza, encádrase dentro dunha festa con motivo do Día do Pai, e está organizada pola Asociación As Xeitosiñas, en colaboración con outras entidades e institucións. Segundo o artista, “logo do intenso traballo dos últimos meses, non hai nada máis gratificante que poder compartir co público os froitos de tantas horas de estudo”, neste caso coa diáspora galega, “que encaixa moi ben coa filosofía do disco, que transmite a cultura do traballo, do esforzo e da responsabilidade, de non conformarse e saír adiante nos momentos difíciles”.
Roi Casal insiste en que existe unha Galicia exterior invisibilizada, e que esas persoas “teñen o mesmo dereito de gozar, cantar e bailar coa nosa música de igual xeito que o fan as persoas que viven no noso País”. Neste sentido, Casal quixo destacar que a súa achega á diáspora non rematará en Zürich, senón que haberá unha aposta “moi forte”, por intentar chegar a aqueles lugares onde hai galegos espallados polo mundo, anunciando a celebración dunha Xira por América no mes de maio, destacando lugares como Buenos Aires, La Habana ou Montevideo.
A presentación oficial do terceiro traballo discográfico realizarase o día 2 de abril no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O compositor e cantante galego, considerado unha das referencias da música galega actual, mostrará unha versión moito máis pop da que nos ten acostumados, e onde se seguirán a combinar elementos da tradición e da modernidade a través da fusión da arpa céltica, a zanfona, o piano ou o bouzuki.
Co este novo disco, o artista, acompañado da voz de Silvia Ferre e do resto de integrantes do grupo, trasladará ao público esa ambición e personalidade propias que o caracterizou dende o comezo.
Aquí podes descargar "Rosa", peza de adianto do seu último traballo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.