Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/11/2021 | Actualizada ás 19:47
O Sindicato Labrego Galego (SLG) chamou ao boicot de produtos de Lactalis Puleva polos prezos que pagan aos gandeiros galegos polo seu leite. Así, o Sindicato Labrego fará un acto informativo a consumidores este venres nun supermercado de Lugo, na rúa Quiroga Ballesteros, a partir das 11,30 horas.
A multinacional francesa Lactalis é a compañía do sector lácteo que "máis factura na UE", afirma o SLG, cunhas vendas de 1.200 millóns, e que facturou nas dúas fábricas que ten en Galicia (Vilalba e Nadela) 547 millóns en 2018.
O SLG subliña que esta empresa recolle ao redor do 20% producido en Galicia, unhas 1.500 granxas, e "encabeza a lista de industrias que se negan a remunerar as granxas cun prezo que cubra os custos de produción".
"A última arremetida foi propor renovacións de contratos por un ano e cunha suba dun céntimo por litro de leite", recrimina.
O SLG sinala que Lactalis "actualmente malpaga 29,5 céntimos por litro de prezo base", "nun momento no que se estima que os custos de produción poden roldar xa os 40 céntimos por litro, é dicir, dez céntimos máis que o prezo base que figurará en moitos dos contratos que pretenden renovar".
Ademais, remarca que Lactalis "é a industria con maior recollida de leite ecolóxico nas granxas galegas, case en exclusividade". E apunta que o 64% dos produtores con leite en ecolóxico no Estado son galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.