"O sector de carne vacún está abandonado pola Administración"

O presidente de Ternera Gallega salienta os bos resultados da IXP “malia a crise” e reclama á Xunta un Plan Sectorial.

Por GCAgro | Santiago de Compostela | 17/03/2014 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

D.G. Entrevistamos a Jesús González Vázquez, presidente dende o ano 2000 da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, a principal marca de carne de vacún de calidade do Estado. Ao longo da conversa vemos a unha persoa á que lle doe o abandono do rural galego e que está convencida de que o vacún de carne é un sector para o que Galicia reúne todas as condicións e que permitiría xerar moitos traballos en aldeas de montaña e media montaña, as que máis están a padecer a regresión demográfica. En definitiva, revitalizar unha Galicia interior tan precisada de seiva nova. 

Jesús González, presidente de Ternera Gallega
Jesús González, presidente de Ternera Gallega | Fonte: GC

Porén, lamenta que "para a Administración, para esta e para as anteriores, parece que no rural galego só existe o sector lácteo, a pesar de que o vacún de carne é moito máis importante socialmente, co triple de explotacións". 

Cómo foi o ano 2013 para Ternera Gallega? Chegouse ao tope de crecemento?
A valoración de entrada é positiva, porque é o segundo mellor ano de Ternera Gallega. Foi un ano de consolidación, tras 5 anos consecutivos medrando, e malia iso é o segundo mellor da historia da IXP, cun pequeno descenso do 2% da facturación, pero un 5,2% mellor que a media dos últimos cinco anos. 

A certificación de carne pola IXP aproximouse ás 81.500 canais e o volume de negocio acadou os 98,7 millóns de euros. 

"Malia a crise logramos mellores prezos para os gandeiros, e iso é un éxito" 

Ademais, os prezos en campo que percibiron os gandeiros foi un 4% superior, e iso é moi importante, tendo en conta que nos últimos anos o crecemento dos prezos en orixe foi menor. Ademais, moderouse o incremento do prezo das materia primas. Como resultado a rendibilidade das explotacións inscritas en Ternera Gallega foi mellor, e iso é fundamental para os gandeiros. Para min este dato é o máis importante. 

Estase a notar a crise nun menor consumo de carne de tenreira?
Temos que ter en conta que a carne de tenreira é a segunda máis cara, despois da de año. Por iso, a poboación, debido ás dificultades económicas que está a pasar,  tende a ir ao consumo de carne de polo ou porco, máis baratas. Xa que logo, que Ternera Gallega se manteña en plena crise económica é moi satisfactorio. 

A tendencia que vemos é que vendas aumentan dende finais de mes ata a primeira quincena, e dende aí ata finais de mes baixan. O consumidor, cando pode, consumo peixes e cartes de calidade, como Ternera Gallega, e cando non pode, consume carnes de prezo menor e menor calidade organoléptica. 

Qué perspectivas tedes en Ternera Gallega para este ano?
A posibilidade de seguir medrando é máis moderada pola mesmas posibilidades do sector e empezamos a achegarnos aos nosos máximos. Agora mesmo estamos en arredor de 7.600 explotacións de vacún de carne inscritas na IXP. Ademais, o incremento de xatos en campo debe ir acompañado dun incremento do consumo, e iso non é fácil porque a poboación non o está pasando ben para poder comprar carne de tenreira, que é a segunda máis cara. 

É moi importante que o gandeiro perciba unha rendibilidade na produción de carne de vacún para que a actividade se faga atractiva para os mozos e se favoreza o relevo xeracional. Para min un dos riscos que ten a IXP é a súa base social, os produtores. Por iso se damos cifras de crecemento pero o sector non ten rendibilidade polo seu traballo non é positivo. E para que haxa rendibilidade para os gandeiros ten que ir acompasada o incremento da produción de xatos co aumento da demanda dos consumidores, coas vendas de carne para manter os prezos.

"Este ano medraremos un 2% e pensamos seguir crecendo nos próximos 4 anos"

Para o ano 2014 prevemos uns mercados estabilizados en canto a consumo, ou cunhas tendencias de crecemento moi suaves, porque a mellora económica das familias vai ser moi lenta. O noso obxectivo de crecemento é realista:  na produción dun 2 ou 3% e no consumo un 2%, que no noso caso é falar de 500.000 de quilos máis. Estamos vendendo 17,6 millóns de quilos e polo tanto é difícil lograr incrementos espectaculares. 

Quero que o sector gandeiro galego se manteña vivo e que o seu traballo sexa valorado, e por iso espero que os prezos en orixe tamén sigan sendo bos. 

Igual que este ano houbo un descenso do 2%, este ano ímolo recuperar e nos próximos 3-4 anos queremos entrar nun período de repunte. 

Os datos de consumo do Ministerio de Consumo reflicten un descenso continuado no consumo de carne de terneira...
A carne é un dos produtos máis competitivos do mercado. A carne apórtanos proteína. Pero á hora de subministrar proteína podemos elixir entre peixe ou carne, e dentro da carne podemos optar por carne de terneira ou de añojo, ou de polo, porco, coello ou cordeiro. Ademais, dentro das de terneira, Ternera Gallega compite coas outras que non teñen indicación de calidade. E ademais, temos que ter en conta que a de tenreira é a segunda máis cara. 

E nunha situación na que a economía dos fogares anda moi xusta, que Ternera Gallega se manteña é todo un éxito, e se ademais os produtores perciben mellores prezos, moitísimo mellor. 

Para a IXP a garantía de produto e a labor de promoción son fundamentais para manter as cifras e seguir medrando. 

Jesús González, presidente de Ternera Gallega
Jesús González, presidente de Ternera Gallega | Fonte: GC

"A tendencia é que a carne de calidade cada vez teña máis cota de mercado" 

Ten a carne de Ternera Gallega unhas características especiais?
Trátase dunha carne de becerros que se sacrifican con 8 ou 9 meses, antes que noutras zonas do Estado. Por iso, é unha carne xugosa, con sabor suave e intenso e tenra. 

Ademais, dende o punto de vista funcional, a carne de Ternera Gallega require un tempo de cociñado menor, ten unha dixestión máis lixeira, nutrientes máis facilmente asimilables e menor contido en graxas, polo que se adapta moi ben ao estilo de vida actual. 

Se ademais conta coa garantía da IXP e ten un prestixio histórico no mercado, como o ten a carne de Galicia, enténdese que sexa tan ben acollida polos consumidores. 

A tendencia nas carnes de calidade, como Ternera Gallega, é que cada vez teñamos máis cotas de mercado. 

Cómo se distribúe o mercado de Ternera Gallega? 
Arredor dun 50% véndese en Gálica e o 50% no resto do Estado. Cando nace Ternera Gallega o volume principal de comercialización era Galicia. A medida que fomos medrando fomos estendéndonos cara Madrid e a zona do Levante, onde agora estamos máis implantados. En Andalucía temos menos presenza porque tamén o consumo de carne de tenreira é moito menor. 

A exportación pesa moi pouco, porque as IXP´s de carne de tenreira no Estado significamos arredor do 11% do mercado de carne de tenreira, e dentro delas, Ternera Gallega copa a metade, un 6%. Por iso a tendencia das nosas industrias cárnicas é a pensar que temos moito percorrido de crecemento no mercado Estatal sen necesidade de saír fóra. Cando temos o Norte de Portugal aquí ao carón, moito máis preto que outras zonas do Estado. 

Pensar en exportar vese a veces como un sobreesforzo con moitas trabas que as nosas industrias non se deciden a facer. 

Agora mesmo hai dúas ou tres industrias na IXP dispostas a analizar o mercado centroeuropeo para aproveitar nichos de mercado en determinadas pezas de alto valor engadido que lles compense envialas alí e destinadas a carnicerías delicatessen e alta restauración. 

Neste sentido, no Consello Regulador da IXP solicitamos unha axuda do Plan Primex do IGAPE para abrir unha oficina en Alemaña para testar todo o mercado centroeuropeo e abrir oportunidades de negocio. 

Cada ano, e a distintas Administracións, reclamades un Plan Estratéxico para o Vacún de Carne, sen que a Xunta de Galicia teña feito nada ate o momento...
En Galicia fai tempo que a Administración vive só para o leite, parace que en Galicia non houbese máis sectores produtivos no rural. Paréceme moi ben que se apoie ese sector, pero non me parece ben que non se apoie aos demais sectores. Parécenos que estamos algo esquecidos. Paréceme que nos últimos 25 anos non se fixo practicamente nada dende a Administración Autonómica no tema da horta, da froita ou da carne de vacún, nos que Galicia ten moita potencialidade de crecemento. 

Se o sector do viño creceu nos últimos anos foi máis ben por iniciativa privada. 

Sería un plan sectorial da carne que debería liderar e tutelar a Consellaría do Medio Rural pero que tería que elaborar o propio sector, incluíndo os sindicatos e cooperativas agrarios, en representación dos produtores; por outra parte ASOGACARNE, en representación da parte industrial; os centros de investigación, tanto o CETEGA como o CIAM; as organización de defensa raciais, dente Ternera Gallega a ACRUGA e BOAGA, e tamén os colexios de veterinarios porque teñen moito contacto coa realidade do gandeiro. 

"A Xunta debe liderar dunha vez un Plan Sectorial da Carne de Vacún"

E a parte económica non ten porque ser a parte principal do Plan Sectorial da Carne de Vacún. Cando falas cos gandeiros de carne, que sobre todo están nas zonas de montaña e media montaña de Galicia, ves que salvo Ternera Gallega ou ACRUGA, ningunha entidade se acorda deles. Se houbese proxectos de futuro do Goberno Galego, nos que participa todo o sector,  xeraríase ilusión e impulso para eses gandeiros.  

O sector de vacún de carne ten menos importancia económica que o sector lácteo, pero dende o punto de vista social ten máis importancia, porque hai case o triple de explotacións de carne que de leite. 

Ademais, son explotacións que están na media e na alta montaña, co cal son as que manteñen vivo o territorio nas zonas máis difíciles de Galicia, evitando incendios e mantendo poboación no medio rural. 

De feito, en Galicia o sector que lle pode facer frente ao crak demográfico das aldeas do interior de Galicia é o vacún de carne. 

Presentación dos resultados de Ternera Gallega en 2013
Presentación dos resultados de Ternera Gallega en 2013
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Vaia gandeiros

Nisto están convertindo os montes galegos estés gandeiros: http://www.lavozdegalicia.es/notici...

3 Undamariña

O sector do vacun foi un dos que mais subvencions leva recibido durante os ultimos trinta anos, por vacas que case as deixan morrer de fame no monte. Vades cheos de chupar, eu teño unha pequena empresa e naide me deu nada e tamen estou pasando un mal momento, .Deixadevos de chorar que xa fixestedes cartos abondo.O pp non ten plan para vos nin para naide soio para os seus amigos, asi qeu a foderse e ata as proximas eleccions, seguide votandoos

1 Chupópteros non

Concordo contigo, se por algo se destaca gran parte da gandeiría galega é por encher os montes de alambradas, de deixar morrer aos animáis de fame e frío no monte, de matar lobos e, por suposto, de chupar subvencións.

2 Eu vou

O sector da carne está chamado mañá á mobilización en Lugo BASTA DE AGRESIÓNS AO SECTOR DE VACÚN DE CARNE!!! Eu alí estarei!!! http://www.fruga-galiza.org/2014/03...

1 eueu

Coitados! Este sector xeración tras xeración votádonlle ao PP e agora resulta que lle están dando patadas no cu? Pois a ranhar onde proe!