Vitoria sufrida do Ourense

Un gol de Iker Alegre dá os tres puntos aos de Luisito. O Caudal, que acabou con dez, rematou dous balóns ao pau no segundo tempo. Os ourensáns achéganse a dous puntos dos postos de play-off de ascenso.

Por gcdeportes | Ourense | 17/03/2014 | Actualizada ás 09:03

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Ourense:
Pato; Borja Valle (Rubén Arce, 65’), Pablo Corzo, Moisés, Portela, Álex Fernández; Adil, Iker Alegre, Adrián Cruz, Noguerol (Óscar Martínez, 61’) e Javi Hndez. (Gustavo Souto, 71’).
Caudal Deportivo: Javi Díaz; Lulu, Armando, Nacho Fernández, Pantiga, Jano, Javi Sánchez, Richard (Jorge, 71’), Rojas, Nacho Matador (Noel Alonso, 78’) e Róber (Iago, 60’).
Goles: 1-0: Iker Alegre (minuto 18).
Árbitro: Julián García (cántabro). Expulsou a Armando por dobre cartón (60’ e 68’). Amarelas a Adil (50’), Javi Hernández (64’) e Gustavo Souto (76) no Ourense e a Noel Alonso (78’) no Cuadal.
Incidencias: partido da xornada 30ª do grupo I da Segunda B no estadio do Couto ante case 2.000 espectadores.

Unha vitoria loitada e sufrida, por 1-0, contra un rival dos de abaixo que no segundo tempo tirou dous balóns ao pau. Vaiselle facer longa a tempada ao CD Ourense, vivo en dúas competicións (Liga e Copa Federación) e con moitas lesións. Fronte ao Caudal, as baixas de Yosu e Campillo obrigaron a Luisito a xogar sen laterais e con tres centrais. Os tres puntos sitúan de novo aos ourensáns a tiro dos postos de promoción de ascenso.

Os ourensáns acuden a felicitar a Iker Alegre polo seu gol.
Os ourensáns acuden a felicitar a Iker Alegre polo seu gol. | Fonte: cdourense

Houbo xogo directo no Couto no primeiro tempo, sen moita combinación polas dúas partes. E xa na primeira chegada con perigo, o único gol: saque longo de Pato, toca coa testa Javi Hernández para Íker Alegre, quren remata cunha perfecta parábola. Pouco máis houbo nos 45 minutos.

A segunda parte foi máis movida. Nada máis saír, o aviso do Caudal de que ía tocar sufrir: Pantiga rematou ao pau nun córner (minuto 53). O Caudal quedou con dez no 68 por expulsión de Armando. O Ourense trataba de sentenciar á contra: Gustavo Souto marcou, pero foi anulado por fóra de xogo. Aínda con dez, os asturianos meteron o medo no corpo aos ourensáns: Rojas rematou de novo ao pau case ao final do partido.

O CD Ourense non deixou escapar os puntos e ponse sexto con 44 puntos, a só dous dos postos de play-off: o Oviedo, que empatou na casa coa Cultural Leonesa, é terceiro con 46. Tamén 46 ten o Guijuelo, que perdeu 1-0 co Burgos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 XPC

Xa teño exposto aquí o meu descontento pero non cambia nada. Seica para vós hai só dous equipos galegos na 2ªB? Esta semana falades do Celta B porque xogou contra o Compostela, pero do Coruxo e do Racing de Ferrol, nin palabra.