Convocan unha concentración contra o "intento de espoliar" os montes comunais por parte do PP

Será o día 24 fronte ao Parlamento galego, cando a Xunta busque aprobar dúas modificacións da Lei de montes veciñais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/11/2021 | Actualizada ás 21:43

Comparte esta noticia

A Organización Galega de Comunidades de Montes, xunto coas organizacións que compoñen a Plataforma Por un monte galego con futuro, convocan unha concentración o mércores 24 ás 11:30h diante do Parlamento galego para rexeitar o que consideran "un novo intento do Partido Popular de espoliar os montes comunais".

Comunidade de montes de Lousada, en Xermade (Lugo)
Comunidade de montes de Lousada, en Xermade (Lugo) | Fonte: Remitida.

Na lei de acompañamento, que se debaterá no Parlamento galego o día 24, a Xunta de Galicia busca aprobar dúas modificacións da Lei de montes veciñais. Segundo denuncian, dúas modificacións que supoñen "unha agresión importante aos dereitos da veciñanza comuneira e á protección dos montes veciñais".

As entidades convocantes alertan que, de aprobarse estas modificacións, aqueles montes veciñais onde non exista veciñaza ou sexan declarados en estado de grave abandono, pasarán a ser de titularidade dos concellos e a súa xestión e explotación a mans de empresas madeireiras.  A Consellería do Medio Rural, censuran, arrógase o poder de decretar o estado de abandono por "meros retrasos ou deficiencias en cuestións administrativas".

Denuncian, ademais, que o monte comunal sería entregado por 50 anos e a veciñanza comuneira non poderá recuperar a xestión do seu monte veciñal até pasado ese tempo, o que fai "inviable" unha continuidade ou recuperación da xestión comunal do monte.

A ORGACCMM e a Plataforma Por un monte galego con futuro fan un chamamento ás entidades e organizacións que viven, traballan ou xestionan o medio rural para que rexeiten as modificacións da lei de montes veciñais "que pretende introducir o Partido Popular e que teñen como obxetivo a eliminación dos montes veciñais en man común, que son unha seña de identidade do noso país".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta