O pop tradicional da banda Peña faise co Concurso 'Narf' da Deputación da Coruña

Os premios eran de 3.000 euros para a primeira banda clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2021 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Peña foi a banda gañadora do Concurso Fran Pérez "NARF" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e que tivo lugar onte domingo 22 de novembro no Teatro Colón da Coruña nun espectáculo que foi transmitido en directo a través do canal de Youtube da Deputación.

Final dos premios NARF do ano 2020 celebrado no Teatro Colón da Coruña
Final dos premios NARF do ano 2020 celebrado no Teatro Colón da Coruña | Fonte: La Opinión A Coruña

Nel participaron as cinco bandas finalistas: Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho, ademais de Grande Amore, o grupo convidado, nun acto que foi conducido pola xornalista Neves Rodríguez.

Peña é un trío pontevedrés que fai unha mestura de pop con raíces tradicionais. Veñen de publicar o seu primeiro longa duración titulado 'Carreiro', logo do EP 'Fórmula'. A banda formada por Toño Magariños, Rubén Abad e Elena Vázquez foi quen de fiar un corpo de cancións exquisito, que casa sinxeleza con idiosincrasia e valentía formal.

Os segundos clasificados, Tandub, conforman unha fusión da música tradicional Gnawa (norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass e a electrónica, cun potente directo. Os seus compoñentes proceden de bandas como Lamatumbá, Dar Gnawa, Tabú ou Kondiós.

A terceira clasificada foi a compostelá Elba, que comeza na música xa na infancia, formando parte do coro infantil do Orfeón Terra a Nosa e posteriormente no coro de voces brancas da orquestra sinfónica do CMUS de Santiago. No seu proxecto acual mestura diferentes estilos como synth pop, new wave ou post-punk con elementos tan clásicos como o canto lírico.

O cuarto clasificado foi Secho, o dodrense que vén de publicar en 2021 o seu segundo LP, 'Recuperar'. E de quinta rematou Sleepy Spice, unha artista coruñesa de música urbana en galego e castelán que compón, grava e mestura os seus temas nun móbil.

O xurado que elixiu os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais da cantora Uxía, os xornalistas Carlos Crespo, María Yañez e Teresa Cuíñas, e o crítico musical Pepe Cunha.

PREMIOS

Os premios eran de 3.000 euros para a primeira banda clasificada, 2.000 para a segunda, 1.500 para a terceira e 1.000 para a cuarta. O premio "NARF" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionaros grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a obra do músico e compositor Fran Pérez "Narf".

Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mileth, Su Garrido, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta