A Xunta acusa de "improvisación" ao Ministerio de Educación ante a avaliación e promoción de alumnos

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, avogou por buscar solucións que acheguen certezas ao profesorado para realizar avaliacións e promocións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2021 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

A Xunta defende establecer criterios comúns de avaliación e promoción para evitar desigualdades entre alumnos e critica a "improvisación" do Ministerio de Educación e Formación Profesional na aplicación da nova lei educativa.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse este luns coa Xunta Autonómica de Directores de centros educativos no marco dunha rolda de contactos para alcanzar unha resposta conxunta ante o real decreto aprobado polo Ministerio que suprime os exames de recuperación en educación secundaria.

Neste contexto, Román Rodríguez avogou por buscar solucións que acheguen certezas ao profesorado para realizar avaliacións e promocións co obxectivo de minimizar o impacto no alumnado da forma "caótica e improvisada" na que o Ministerio aplica a nova normativa.

Nesta liña, criticou que o departamento á fronte do que se sitúa Pilar Alegría convidase as comunidades a "improvisar instrucións ou medidas para evadir as consecuencias do real decreto" dado que "eles mesmos non foron capaces" de incluír unha disposición transitoria para manter as avaliacións extraordinarias este curso.

"Mentres en Galicia reducimos o abandono escolar á metade na última década subindo a calidade e apostando pola cultura do esforzo, o Ministerio pretende apostar polo aprobado xeral", reprobou o conselleiro. Así, remarcou que o Goberno galego defenderá a "igualdade" para os alumnos e ofrecerá "todas as oportunidades para que ninguén quede atrás".

Así mesmo, sinalou que a ministra Pilar Alegría indicou que os novos currículos de desenvolvemento da Lomloe realizarase no primeiro trimestre de 2021. A este respecto, lembrou que a Xunta non pode comezar a tramitación administrativa da parte autonómica dos currículos ata que o Goberno publique os seus, polo que advertiu de que esta situación "vai xerar unha gran problemática no desenvolvemento do próximo curso".

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta