Pontón conclúe que a "declaración de intencións" da reunión de presidentes en Santiago "discrimina" a Galicia

A portavoz nacional do BNG, sinala que queren ser máis ambiciosos apostando por "un modelo de negociación bilateral que teña como punto final conseguir a xestión do 100 por cen dos recursos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2021 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, concluíu que a reunión do oito presidentes autonómicos no foro de Santiago deu a luz un documento "que non pasa de ser unha mera declaración de intencións", co "agravante" de que, por parte de xefe do Executivo galego, supón "seguir cun modelo de financiamento que discrimina a Galicia".

"O que propón Feijóo é seguir co mesmo modelo de financiamento con simples retoques e esa é unha vía morta que non leva a ningún sitio, que manterá un sistema que nos prexudica", remarcou Pontón, que difundiu un vídeo no que aborda esta cuestión.

Neste sentido, sinala que o BNG quere "ser máis ambicioso". Por iso, engadiu, aposta por "un modelo de negociación bilateral que teña como punto final conseguir a xestión do 100 por cen dos recursos".

"Xa temos un mecanismo de negociación multilateral no Consello de Política Fiscal e Financeira e con ese mecanismo aprobouse o actual modelo de financiamento que nos discrimina, que nos fai perder millóns de euros que necesitamos para financiar servizos públicos, sectores produtivos, retorno de xente nova e outras necesidades", explicou Pontón.

Por tanto, recalcou a líder nacionalista, "repetir o que non funciona só vai conseguir un resultado: que Galicia perda". "E queremos que Galicia gañe", proclamou a portavoz nacional do BNG, quen por iso sinala a proposta do BNG de "un cambio total, un modelo que permita a xestión do 100 por cen dos recursos, recadar aquí (por Galicia), marcar as prioridades desde aquí (por Galicia) e despois facer contas co Estado". "Xusto o contrario do que se fai agora", aseverou.

CAMBIAR O MODELO E PROPOSTAS

Pontón insistiu en que "hai que cambiar o modelo a través dunha negociación Xunta-Estado", co obxectivo de "lograr a xestión da totalidade dos recursos que recade Galicia".

"Ese é o horizonte do BNG, pero conscientes de que Feijóo non ten as mans libres, senón que ten que seguir as directrices que o PP lle marque desde Madrid, formulamos medidas para avanzar cara á soberanía financeira de Galicia", expuxo.

Deste xeito, Pontón volveu a esgrimir os puntos básicos que a formación nacionalista defende como medidas concretas: elevar a cesión do IVE e do IRPF ao 90 por cento, conseguir a cesión de impostos de sociedade e "lograr que paguen impostos" en Galicia as empresas que operan na comunidade.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta