Temas: FRASEOLOXíA

“Por campar, rabiar”, equivalente á castelá “para presumir hay que sufrir”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 28/11/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

De querermos expresar que para dar unha boa impresión física externa, unha persoa ten que sufrir ou padecer certas molestias ou incomodidades, en castelán é moi habitual botar man da secuencia para presumir hay que sufrir.

Un home cun cartel no que se le: `Poder elixir o morrer sen sufrir´ durante unha concentración de Dereito a Morrer Dignamente na Porta do Sol, en Madrid (España), a 18 de marzo de 2021
Un home cun cartel no que se le: `Poder elixir o morrer sen sufrir´ durante unha concentración de Dereito a Morrer Dignamente na Porta do Sol, en Madrid (España), a 18 de marzo de 2021 | Fonte: Marta Fernández Jara - Europa Press - Arquivo

En galego, á parte da literalmente correspondente desta, temos unha que xa nos vén de vello: por campar, rabiar.

Para presumir hay que sufrir

{= Paremia con que se dá a entender que quen queira dar boa impresión por aparencia física externa, ten que sufrir ou padecer certas molestias (empregábase sobre todo, en orixe, para as mulleres que ían de tacón alto). [Nun sentido xeral tamén se pode empregar para advertir que hai que sufrir ou padecer así mesmo certas incomodidades, preocupacións ou molestias para conseguir o que se desexa ter, sobre todo se resulta moi perceptible para a xente.]}

Por campar, rabiar

Para campar, rabiar

[E MAIS]:

Por campar, moitas veces rabiar

Ex.: —Hoy creo voy a ver las estrellas, que me van a depilar todo el pecho. —¡Ay, amigo: para presumir hay que sufrir!

Hoxe creo que vou ver a Deus por un burato, que me van depilar todo o peito. —¡Ai, curmán: por campar, rabiar para campar, rabiar por campar, moitas veces rabiar!

Ex.: —Ayer, toda la santa tarde en la peluquería. —Pues así es la vida, chica: para presumir hay que sufrir.

—Onte, toda a santa tarde na perruquería. —Pois así che é a vida, rula: por campar, rabiar para campar, rabiar por campar, moitas veces rabiar.

● Tamén:

Para presumir hai que sufrir && Quen quere presumir ha sufrir && Para merecer hai que padecer

NOTAS:

1. No canto da voz rabiar, priorizada normativamente, tamén se pode usar arrabear (de feito, oralmente, para a paremia da que aquí estamos a falar, tanto temos rexistrado as voces arrabear coma rabear).

Obsérvese, amais, que nestes casos presentaría unha acepción non cuberta a día de hoxe no DRAG, e que iría máis ben na liña do que a propia Real Academia Galega recollía no seu Diccionario gallego-castellano (1913-1928) como acepción dentro da entrada arrabear: «Desesperarse con el dolor, impaciencia, ansia, etc.»

2. Lembrade que a voz perruquería, que aparece no segundo dos exemplos, non é normativa, cando menos de momento, pois a única recolleita no DRAG para denominar en galego o concepto ó que remite é a de salón de peiteado (e peiteador como equivalente do castelán peluquero).

Sen embargo (e sempre con absoluto respecto ás autoridades normativas, cuxo labor temos ben claro que non é nada doado, pero respecto das cales en contadas ocasións –sempre circunscritas ao ámbito da nosa esfera individual, non laboral– nos damos ao luxo de non seguir estritamente, como nos pasa, por exemplo, coa locución sen embargo), na medida en que entendemos que a comunidade falante dunha lingua tamén crea norma, e visto que as voces perruquería e perruqueiro son amplamente empregadas (mesmo, a primeira delas, na cartelería de moitos salóns de peiteado cuxos donos avogan por empregar a nosa lingua), introducímola no noso acervo lingüístico... facendo notar, iso si, que non se atopa dentro da norma léxica actualmente vixente.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspíranse nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Domínguez Rial, Evaristo: “Fraseoloxía e paremioloxía de Bergantiños (Cabana de Bergantiños, Carballo e Coristanco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 13, 2011, páxs. 301-404. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Refraneiro de Grou (Lobios) recollido por Bieito Fernandes do Palheiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 241-253. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario gallego-castellano. Publicado en 1884. Imp. Seminario Conciliar. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta