Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/11/2021 | Actualizada ás 09:00
Co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra mañá 25 de novembro, a Federación Pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) continúa coa súa axenda de actividades para combater a violencia machista.
Tras percorrer os concellos de Redondela, O Porriño, Oia e Gondomar coa campaña informativa ‘Femupo Preto de Ti’ para dar a coñecer os recursos existentes na loita contra a violencia de xénero e participar estes días nas diversas accións promovidas polas propias asociacións federadas ou outras organizacións en Bueu, Cerdedo-Cotobade, Vigo, A Cañiza ou Carballo, Femupo celebrará dous grandes actos, os derradeiros, esta fin de semana.
O sábado, 27 de novembro, o Lugar de Borela en Cerdedo-Cotobade acollerá o acto ‘Na
lembranza, da raíz á copa’, que consistirá na plantación de trinta e sete árbores, unha por
cada muller asasinada pola súa parella ou exparella en España no que vai de ano. O punto de encontro para participar na actividade será na Praza de Borela ás 11:30 horas.
Unha acción que non só “é para lembrar ás vítimas”, explica a presidenta de Femupo, Raquel
Touriño, “senón tamén para recordarmos que debemos seguir traballando por todas as
mulleres e menores que ven as súas vidas ameazadas”. A través deste acto, Femupo “quere facer partícipes ás administracións, asociacións, empresas e cidadanía en xeral da importancia da loita contra a violencia de xénero”.
‘Na lembranza, da raíz á copa’ é un acto aberto a toda a sociedade, no que poderán tomar a
palabra os asistentes, poñendo de relevo que "unha comunidade unida e concienciada é capaz de romper o círculo do machismo". Para levar a cabo a acción colaboran, ademais da Femupo, a asociación federada de Mulleres en Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas en colaboración con CO2 Revolution, Forestalis, o Concello de Cerdedo-Cotobade e o Centro de EVD Mos.
Ademais, o domingo 28 de novembro Femupo organiza en colaboración coa asociación
federada Asociación de Mulleres en Igualdade de Tui unha andaina contra a violencia de
xénero que percorrerá oito quilómetros do Camiño Portugués, desde a Ponte Internacional de Tui ata finalizar no Centro Cultural de Ribadelouro. A saída está prevista para ás 10:00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.