Por gcdeportes | A Coruña / Ourense | 22/03/2014 | Actualizada ás 02:07
Ficha técnica
COB Ourense 81: Pedro Rivero (0), Rafa Huertas (7), Riley Luettgerodt (6), Morentin (18), Jonathan Kale (15) --cinco inicial-- Ryan Zamroz (11), Iván García (9), Álvaro Frutos (8), Jeff Carter (4) e Cristian Iglesias (3).
Baloncesto Oviedo 67: Ferran Bassas (10), Cárdenas (17), Álvaro Muñoz (10), Garrett (2), Spasojevic (0) --cinco inicial-- Fitzgerald (20), Juan José García (4), Héctor Maciá (4), Adrián Maciá (0) e Diego Sánchez (0).
Parciais: 20-14; 27-11; 14-24; 20-18.
Todo mudou para ben no COB Ourense, que suma outra vitoria, a segunda consecutiva. Trala malleira da semana pasada en Málaga ao Clínicas Rincón, triunfo contundente ante o Oviedo, un dos equipos da parte alta. De principio a fin, os ourensáns foron por diante no marcador. 47-25 era o resultado ao descanso e no remate, tras certas dúbidas no terceiro cuarto, 81-67.
Kale (8 puntos) e Morentin (7) tiraron do COB no primeiro cuarto. Tras un intercambio de canastras, a primeira brecha (13-6) chegou cunha tripla de Morentin. Nos primeiros dez minutos, 20-14. O partido rachouse no segundo cuarto cun 10-2 de inicio, que se ampliou ata un 17-5. O COB dominaba 44-21, os tiros entraban e o Pazo disfrutaba como nunca esta tempada cos seus. No tempo de lecer, máis 22 para os locais (47-25).
Tralo paso por vestiarios, un 10-10 nos primeiros cinco minutos deixaba o marcador igual, en 57-35. Viñeron os peores minutos do COB, que encaixou un 0-10 de parcial (57-45). Iván García pechou a mala xeira con 4 puntos. O derradeiro cuarto (61-49) principiou cunha tripla de Ryan Zamroz que tranquilizou os ánimos dos ourensáns. Rafa Huertas devolveu os 17 puntos de vantaxe (66-49) e o COB xa non volveu temer pola vitoria.
A vindeira xornada, duelo pola permanencia co Barça B, co basket-average en xogo (61-59 para o COB na primeira volta). Se os azulgrana gañan os dous partidos que lles restan, os ourensáns necesitarían unha vitoria máis. Na derradeira xornada visitará o Pazo Paco Paz o Leyma Coruña.
Ficha técnica:
Andorra 79: David Navarro (10), Sánchez Iñurritegui (2), David Navarro (10), Hampl (2), Jordi Trías (14) --cinco inicial-- Green (19), Zengotitabengoa (7), Marc Blanch (3), Marti Mitjana (2) e Eric Sánchez (7).
Basquet Coruña 62: Óscar Herrero (3), Ángel Hernández (2), Haanpaa (0), Jason Cain (14), Mario Cabanas (22) –cinco inicial-- Amoke (12), Javi Lucas (9) e Noguerol (0).
Parciais: 18-9; 20-12; 13-18; 28-23.
Sen xogo exterior é imposible gañar O Leyma Coruña sumou a segunda derrota consecutiva a domicilio. E de novo acusou as baixas de Chus Castro e Sean Ogirri, e o mal partido de Haanpaa, con cero puntos en 18 minutos. Os catro homes do xogo interior (Cain, Cabanas, Javi Lucas e Amoke) fixeron 57 dos 62 puntos dos coruñeses, que só xogaron con oito homes.
Xa de inicio encaixaron un parcial de 9-0 e foron sempre a remolque. Ao final do primeiro cuarto, 18-9. O segundo principiou con dúas triplas do Andorra e o Leyma tardou catro minutos en anotar en xogo. Neste cuarto os de Tito Díaz só anotaron dúas canastras (Cabanas e Cain) e oito tiros libres para 12 puntos. No tempo de lecer: 38-21.
O terceiro foi o mellor cuarto do Leyma, con Cabanas e Amoke tirando do carro, máis as triplas de Óscar Herrero e Javi Lucas, que deixaron o marcador en 51-39 para os últimos dez minutos. Unha tripla de Ángel Hernández achegou os coruñes a oito (53-45), pero o líder non se deixou sorprender: Marc Blanch anotou unha tripla e Green, outras dúas, e o Andorra gañaba 64-47. Tralo intercambio de canastras entre Trías e Cain, remate con 79-62. O Leyma Coruña suma 13 vitorias e o vindeiro venres recibirá o Ford Burgos en Riazor.
Este sábado, o Ribeira Sacra Breogán recibe o Palencia (20.30 horas) para apurar as posibilidades de acadar a segunda praza de cara os play-off. O Breogán suma 16 vitorias, por 18 do rival. Unha vitoria lucense significaría tamén o ascenso automático do Andorra á Liga ACB. Os lucenses chegan ao partido coa boa nova da renovación do seu adestrador Lisardo Gómez: unha tempada máis con opcións a unha segunda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.