Por gcdeportes | Lugo | 22/03/2014 | Actualizada ás 23:04
Ficha técnica:
Lugo: José Juan; Víctor Díaz, Pavón, Víctor Marco, Manu; Pita, Seoane; Pablo Sánchez (Iván Pérez, 77'), Sergio Rodríguez (Álvaro Peña, 70'), Iago Díaz e Juanjo (Rennella, 68).
Recreativo: Cabrero; Cifu, Menosse, Morcillo, Dimas (Jesús Vázquez, 54'), Toño; Zamora, Montoro (Jonathan Valle, 74'), Álvaro Antón, Nong (Miguel Linares, 46') e Joselu.
Goles: 1-0: Rennella (minuto 84). 2-0: Iago Díaz (minuto 86).
Árbitro: Sagües Oscoz (vasco). Amosou tarxetas amarelas a Juanjo (27'), Pita (33') e Seoane (74') no Lugo e a Dimas (19'), Toño (25'), Zamora (38') e Joselu (76') no Recreativo.
Incidencias: partido da 31ª xornada da Liga Adelante no estadio Anxo Carro.
Despois de cinco xornadas sen gañar, de novo a ledicia lucense. Preto do final, pero traballada e merecida. E fronte a un candidato ao ascenso. O Lugo venceu o Recreativo con goles de Enzo Rennella e Iago Díaz en tres minutos. Tres puntos que o devolven á zona alta da táboa, a tiro dos postos de play-off de ascenso.
Quique Setién sorprendeu co once titular, e o partido acabou dándolle a razón. Xogou con Pablo Sánchez, Sergio Rodríguez e Iago Díaz por diante dos habituais Pita e Seoane. E Rennella quedou no banco, substituído na punta por Juanjo. A primeira metade foi un monólogo do Lugo, a pesares de que o Recre tentaba tocar a pelota como opción para non verse sorprendido polo rival. Seoane foi o primeiro en probar sorte dende fóra da área no minuto 3, e tamén probou ao meta rival Pita dende fóra no 11'. Sergio Rodríguez movíase entre liñas e facía dano ao rival.
A mellor ocasión chegou no 22': unha boa xogada do Lugo acabou nos pés de Iago Díaz, quen rematou para a parada de Cabrero: o rexeite, co meta xa vencido, botouno fóra Juanjo. O dominio lucense seguiu, pero nos centros pechados tiña vantaxe o meta do Recre. Xa no 41', Víctor Marco rematou alto un córner lanzado por Pablo Sánchez.
Tralo paso por vestiarios, o Lugo baixou algo o ritmo. E o Recre mellorou cos trocos: entraron Linares e o ex-deportivista Jesús Vázquez. Axiña chegou a mellor ocasión visitante, nun remate de Cifu ao pau nunha xogada de estratexia á saída dun córner. Quique Setién meteu no campo a Rennella, Álvaro Peña e Iván Pérez, habituais no once. Cando o partido parecía que ía rematar co 0-0, o Lugo marcou dous goles en tres minutos. No 84', Rennella rematou no aire un centro perfecto de Víctor Díaz ás costas da defensa e no 86' o dianteiro deu unha asistencia a Iago Díaz para sentenciar o partido e devolver a ledicia ao Anxo Carro. A vindeira xornada, en Sabadell.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.