Piden frear a "policialización" dos funcionarios de prisións, que prevén recoñecer como axentes da autoridade

Un total de 26 organizacións demandan que o PSOE e Unidas Podemos se boten atrás no que consideran "un paso adiante na consolidación da cultura de abuso de poder e impunidade denunciada polo Consello de Europa".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2021 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A través dun comunicado publicado esta mañá un total de 26 organizacións veñen de manifestar o "absoluto rexeitamento" á emenda formulada polo PSOE e Unidas Podemos á lei mordaza, pola cal prevén recoñecer aos funcionarios de prisións a condición de axentes da autoridade. Para as organizacións asinantes do comunicado, entre as que se atopa EsCULcA, de aprobarse a medida estaríanse a abrir as portas á "policialización" do corpo e a un "aumento da arbitrariedade nas decisións que afectan as persoas presas".

Actividades no centro penitenciario de Teixeiro
Actividades no centro penitenciario de Teixeiro

Por tal motivo, os colectivos  rexistraron unha petición dirixida ás portavoces dos grupos parlamentarios que compoñen a Comisión de Interior do Congreso, coa finalidade de "frear unha modificación  lexislativa que  implicaría unha nova  regresión democrática".

Segundo fontes das organizacións sociais, esta proposta «implica romper  co consenso  establecido na Lei  Xeral Penal  aprobada o ano 1979».  Esa norma, tal e como sinalan os colectivos, "supuxo un salto democrático, xa que  creou un corpo civil para a  xestión dos centros  prisionais,  en contra do que  acontecía no réxime franquista". Neste sentido, a emenda "abre as portas  á  policialización dos  funcionarios de  prisión", xa que, de conformidade  cos  principios constitucionais, "os  criterios que han guiar a  súa actuación  son de índole tratamental e non de  réxime nin orde pública".

En  opinión dos colectivos, este recoñecemento constitúe "o abandono do paradigma  rehabilitador que teoricamente debe guiar o funcionamento do sistema  prisional". No seu lugar,  afirman, esta emenda implanta  un modelo en que "as persoas privadas de liberdade  poderán ser sancionadas por feitos leves tanto pola  vía administrativa-penal, como tamén na  vía penal,  xerando un aumento dos casos en que se acuse e condene por atentado, resistencia ou desobediencia a  axentes da autoridade".  

Alén  diso, alertan, esta medida tamén suporá "un aumento das dificultades para denunciar  situacións de  malos tratos  en contexto de  privación de liberdade". Desta forma, denuncian, a  presunción de veracidade dos funcionarios de prisións actuaría "como un elemento  disuasorio  á hora de  presentar denuncias e iniciar  procedementos ante uña eventual contra-denuncia por parte dos  funcionarios". Así mesmo,  sinalan, aumenta a  marxe de  arbitrariedade nos expedientes sancionadores, incluídos aqueles que afectan gravemente a dereitos fundamentais, como os illamentos na cela.

As  organizacións sociais manifestan o seu "desconcerto"  respecto desta emenda, dado que esta proposta é presentada pouco tempo despois de publicar o Comité para a  Prevención da Tortura ( CPT) do Consello de Europa o seu relatorio tras a súa última visita ao Estado.  Respecto da situación dos cárceres, aseguran, o CPT afirmou que "continúa existindo  un  patrón de  malos tratos físicos  inflixidos  polos  funcionarios de  prisións como  reacción desproporcionada e  punitiva ao comportamento  recalcitrante dos presos". 

Por estes motivos, un total de 26 organizacións solicitaron esta mañá aos grupos parlamentarios que se boten atrás con esta medida que suporía "un paso atrás na garantía dos dereitos das persoas privadas de liberdade e un paso adiante na  consolidación da cultura de abuso de poder e impunidade denunciada polo Consello de Europa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta