Por Europa Press / Redacción | MADRID | 01/12/2021 | Actualizada ás 11:18
A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, reafirmou este mércores, ante unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, o compromiso do Goberno cos servizos ferroviarios de proximidade en Galicia, "chámense ou non servizos de proximidade".
Así o expresou durante a sesión de control ao Goberno no Congreso, despois de que o deputado galego pedise explicacións á ministra sobre as previsións do Goberno á hora de implantar o servizo de proximidade Renfe en Galicia.
Ante isto, Raquel Sánchez defendeu o "compromiso" do Goberno con Galicia, reivindicando a oferta programada de trens na rexión galega, que, segundo dixo, conta na actualidade con máis de 540 trens semanais.
Así mesmo, a ministra puxo en valor a chegada da alta velocidade da liña que unirá Madrid con Ourense o próximo 21 de decembro, data na que ademais se reestablecerán o cento por cento doutros servizos ferroviarios.
No entanto, Néstor Rego lembrou que a chegada do AVE a Galicia chega con case 30 anos de atraso. Ademais, sinalou que a preocupación dos cidadáns galegos "non é chegar unha hora antes a Madrid, senón moverse en transporte público, e é aí onde está o problema".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.