O detido en Madrid: “Tivéronnos dous días case sen comer nin ir ao baño"

Durante as horas e días posteriores ao 22M levamos asistindo a un ronsel de “noticias” sobre os disturbios do final da manifestación, o “violentos” que foron algúns “radicais”, os moitos feridos que deixaron entre a policía... Un dos galegos detidos, Emilio David Cao, de 18 anos, explica o que aconteceu antes e depois dos disturbios en Madrid durante a Marcha da Dignidade. Entrevista de Jorge M. de la Calle.

Por Jorge M.de la Calle | Ourense | 27/03/2014 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

De súpeto, toda cobertura mediática sobre a masiva e histórica asistencia ese día (entre medio e un millón de persoas, segundo cálculos serios) e sobre as reivindicacións de “pan, teito e traballo”, dignidade e xustiza social que as levaron aí, ficou eclipsada en exclusiva polas “informacións” sobre os “altercados”, e relegada até media hora despois da portada dos telexornais por obra e graza da morte de Adolfo Suárez (crónica dunha morte anunciada, por certo, que copou toda a fin de semana, nun mesmo efecto cortiña de fume). Mais a violencia exercida polos axentes antidisturbios non tiveron o mesmo ou ningún eco nos grandes medios, nin os como mínimo 34 manifestantes feridos, un deles sen un testículo a causa dun pelotazo de goma, así como as 24 persoas que sufriron un trato inhumano nos calabozos, case todas detidas de forma indiscriminada e que saíron en consecuencia en liberdade.

Emilio, o segundo pola esquerda, rodeado polos seus amigos
Emilio, o segundo pola esquerda, rodeado polos seus amigos

Unha desas 24 historias é a de Emilio David Cao, carballiñés de 18 anos e membro de Estudantes sen Futuro que se trasladou o sábado xunto a uns amigos nun dos autocares fletados para as Marchas da Dignidade. Hoxe, case tres días despois de que os seus amigos o perderan de vista entre o caos dos disturbios, e tras dous de arresto incomunicado e en condicións degradantes nos calabozos da comisaría de Moratalaz, chegou por fin á estación de trens de Ourense, á que se trasladaron medio cento de persoas a darlle un caloroso recibimento. Ao berro de “Que viva a loita da clase obreira!”, o mozo ourensán foi aplaudido e arroupado por familiares, amigos e compañeiros de distintas organizacións políticas e sociais -as participantes nas Marchas da Dignidade.

El ía só “para exercer o meu dereito a manifestarme, porque evidentemente o Partido Popular non está facendo as cousas ben, nin ningún dos gobernos do Estado Español”. Mais case ao remate do acto final, cando a Solfónica (a orquestra do 15M) entoaba o Canto da Liberdade de Labordeta, sobre as 20.30 da noite, antes da hora autorizada para rematar, e aínda a praza de Colón permanecía ateigada despois das palabras de Cañamero e o resto de portavoces de todos os territorios e nacións do Estado, de súpeto, estoupou, inesperadamente, a batalla campal. Os disparos ao aire e as pelotas de goma resoaban a centos de metros de distancia nos oídos dos que xa marcharan, mentres toda a praza volvía a mirada estupefacta para a parte traseira da praza, dende o escenario instábase á Policía a que a abandonara, e a banda alzaba os seus violíns e partituras como blandindo as súas únicas armas. A praza estaba chea de xente, tamén moitas crianzas e maiores que se expuseron á acción irregular e desproporcionada duns antidisturbios cargando sospeitosamente antes de que rematara o acto e xusto a tempo para que a noticia ocupase os telexornais. Tirando pelotas de goma e lanzando botes de gas lacrimóxeno.

Segundo Emilio, cando os axentes comezaron a cargar, el estaba en Colón, e comezou a subir pola rúa Génova escapando dos policías que ían a bater indiscriminadamente. “Víronme correndo e metéronme un placazo. Puxéronme as esposas e leváronme ao furgón. Dixéronme: Que te va a caer, máquina!, déronme un par de tortas, e eu, hostia, estes tíos... estaba acojonado. Despois leváronme a Moratalaz, e metéronme nunha habitación con vinte ou trinta máis, tres ou catro horas de pé, morrendo de sono, ata rematar o papeleo, que supostamente tardaba. Despois baixáronnos aos calabozos e nos tiveron aí dous días como o cu, a luz encendida, sen poder durmir, non nos deixaban ir ao baño...”, relata coa linguaxe e a vitalidade propia da súa xuventude. “Non había reloxos, non tiñamos conciencia do tempo”. Segundo o testemuño de outros detidos, puideron ser sete horas contra unha parede cos brazos en alto.

O mozo relata como a primeira noite deixábanlles a luz encendida de forma que non podían durmir, e como non os deron de comer ata a sobremesa do día seguinte (“unhas galletas...”). Tampouco os permitiron ir ao baño, e tiveron que facer as súas necesidades nun recuncho da cela. “Os policías marchaban, deixábannos sós alí durante horas, nós berrando, dando golpes contra as celas, para ir ao baño, había unha diabética alí que necesitaba insulina cada hora, e non lla traían, non viñan ata que lles saía de los huevos”.

Caloroso recibimento na estación de trens de Ourense
Caloroso recibimento na estación de trens de Ourense

A Emilio non o deixaron porse en contacto coa súa familia en ningún momento, só cando saíu libre antonte sobre as cinco da tarde, e nin sequera puido falar co avogado que tiña asignado pola organización das Marchas. Un avogado de oficio foi o que falou con el ao día seguinte, e o luns dáballe a boa nova de que saía en liberdade sen cargos de momento, e previsiblemente non sería incriminado porque non hai ningunha proba contra el. O mozo tivo que aturar, inmediatamente despois de recibir as apertas e afecto de amigos e compañeiros, as preguntas da prensa que o interpelaban por exemplo sobre as recentes declaracións da Policía Nacional que relacionaban os disturbios con “Resistencia Galega”, o grupo terrorista polo que pregunta a Audiencia Nacional. “Dicíannos que eramos independentistas extremistas, para nada. Eu fun só a manifestarme e me caeu o marrón”, explicou nesa rolda de prensa improvisada, entre outros medios a La Voz de Galicia.

Un pouco” en estado de “shock” -“unha cela non é prato de gusto”-, mais tranquilo e xa en casa, Emilio recalca que non ten medo, aínda que preso tantas horas acabas “angustiado, coméndote o coco”. Gonzalo e David, os amigos que o acompañaron a Madrid, quedaron alí toda a fin de semana á espera de noticias súas e estiveron todo o tempo pendentes del. Foi unha “alegría repentina” velos “ao saír do xulgado”, e sentiuse arroupado tamén por “moita xente”, entre eles, sinala, “o SAT, Diego Cañamero e Willy Toledo”. Emilio volvería sen dubidalo, despois disto, a manifestarse, tantas veces como fixese falta, “con máis ganas e máis forza”. O que ten moi claro é que ninguén lle robou nin roubará a dignidade.

Violencia... ficción?

É evidente que houbo violencia por ámbalas partes, como amosan os numerosos testemuños gráficos desa noite. Mais dende os medios de masas cargáronse as tintas sobre a exercida por unha minoría de manifestantes, calando os excesos e irregularidades da Policía, anulando case totalmente a violencia sobre a cidadanía e incidindo nas lesións dos axentes. Pero ademais levouse a cabo unha flagrante manipulación dos datos, probas e partes hospitalarios.

O luns a Confederación Española de Policía (CEP) amosaba un punzón de doce centímetros xunto á muleta que, na súa versión, o agochaba, e que tería sido empregado no 22M. Mais o día antes a ese sábado difundírase dende Europa Press unha fotografía idéntica á que ensinaron, dun arma idéntica atopada nos xulgados de Plaza Castilla, e que evidenciaba un bulo, a non ser que as muletas con punzóns de doce centímetros se fabricaran en serie, estiveran de moda e circulasen a cotío. Ademais, a imaxe do tirapedras con bolas metálicas tampouco pertencía aos enfrontamentos da noite do pasado sábado.
Unha información de elmundo.es amosaba a mesma fotografía o 27 de abril de 2013, vencellada ás protestas de dous días antes na praza de Neptuno. 

Ademais José Manuel Sánchez-Fornet, presidente de honra do Sindicato Unificado de Policía (SUP), que xustificaba o tiro nos testículos nun tweet (“Si una piara de alimañas te está dando palos (…) sí, a tiros en los huevos, sin duda”), recoñecía tamén por esta rede social que a imaxe difundida pola CEP era falsa, “alguén a incluíra como arma usada o 22M”, e “debería investigarse e sancionar ao manipulador”.

Os portavoces policiais dedicáronse estes días a desfilar polas canles da “TDT Party”, como Intereconomía e 13TV, ensinando á audiencia as fotos destas armas segundo a súa versión empregadas esa noite, para despois desmentilo todo, e atribuilo de xeito bastante pouco crible a que captaranas imaxes das redes sociais e non as contrastaran

Xunto a estas imaxes de armas brancas, Antonio Labrado, portavoz da CEP, amosaba fotografías das presuntas feridas na cabeza de dous axentes. Mais o voceiro do SAMUR Protección Civil, nun “balance definitivo”, mesmo despois de que comezase a pronunciarse a Policía, dicía que todas as feridas que atenderan eran “leves ou moi leves”, debidas “principalmente” a contusións, pequenas feridas, torceduras e caídas, e o “enfatizaba”, segundo a nota de Europa Press. Así mesmo, se eran hospitalizados ata once policías, para permanecer en estado de observación ou realizarlle puntos de sutura, o propio pasaba con seis manifestantes. Ademais, segundo relatara a EFE este mesmo portavoz, e despois reflictiran moitos xornais, "todas son feridas de carácter leve ou moi leve, como puntos de sutura por cortes, torceduras, contusións ou revisión", mentres a Policía falaba de dúas “conmocións cerebrais” e “perda de dentes”, sempre só nas súas filas. Unha vez máis, a contradicción entre a versión policial e a sanitaria, xunto ás demostradas mentiras, sinalan que non todo o relato mediático construído arredor do 22M se axusta á realidade dos feitos.

Cartaz de apoio dos seus amigos
Cartaz de apoio dos seus amigos
A prensa tamén estivo esperándoo
A prensa tamén estivo esperándoo
Concentración para esixir a súa liberación o pasado domingo
Concentración para esixir a súa liberación o pasado domingo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 paco

Este pais e o segundo pais de europa con maior porcentaxe de pobreza infantil, este e moitos máis motivos por todos coñecidos eu si estiven na gran manifestación do 22M. Animo a Emilio e a todos, a súa forza e a súa dignidade.

2 eueu

É que a forza mediática da PPaifocada é arroladoramente afabante, mesmo para quen quere dar outras versións tan verídicas ou mais ainda que as dadas pola policia ao servizo do PPoder dos PPodres PPaifocos.

1 estropicio

Jorge, con todos los respectos, crees que pueden ser calificados como cálculos serios afirmar que fueron "entre medio e un millón de persoas"?

1 Jorge

SI Con todos os respectos, e os cálculos. Infórmate ti.