A campaña 'Elas son a forza do Nadal' visibiliza o papel fundamental das mulleres no sector primario

Trátase da terceira campaña que lanza a Deputación de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2021 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra lanzou a terceira edición da campaña 'Elas son a forza do Nadal', que busca visualizar o "papel fundamental que as mulleres sempre xogaron no sector primario ao longo de toda a historia". Así o destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e por Susana Aguiar, emprendedora da produción de lácteos na empresa Kalekoi, Natalia Peixoto, viverista en Figueiró (Tomiño) e Mónica Brey, produtora de mazá de sidra ecolóxica da Estrada.

Elas son parte das nove mulleres que participan na campaña deste ano na que tamén aparecen recollidos os testemuños de Beatriz Molones, redera en Cangas, Rita Vidal, vicepatrona maior primeira da Confraría de Pescadores de Carril e presidenta da asociación AmarCarril de Turismo Mariñeiro ou Andrea Silva, pescadera de baixura na praza de abastos de Pontevedra.

A campaña será divulgada nas redes sociais e medios de comunicación e conta cuns vídeos nos que se pode ver a "cada unha das mulleres, en pé, empoderadas e achegando tanto á economía", destacou Carmela Silva. A presidenta tamén se referiu a a "calidade e sustentabilidade" dos produtos de proximidade. "Compramos os produtos sen pensar quen está detrás e nós, desde a deputación, queremos porlle rostro", engadiu Silva.

Susana Aguiar, Natalia Peixoto e Mónica Brey agradeceron á deputación a súa confianza e a posta en marcha deste tipo de campañas "que non só fan fincapé no sector primario senón que axudan a reivindicar o papel das mulleres, que ata agora estaba nun segundo lugar".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa. RAFA ESTEVEZ
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa. RAFA ESTEVEZ | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta