Xosé Alfredo Naz gaña o VI Concurso Balbino de Relatos con 'Gumes entre a néboa'

A obra, que encumbra o valor do rural galego, foi presentada a pasada fin de semana no Museo do Mar de Vigo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/12/2021 | Actualizada ás 10:36

Comparte esta noticia

'Gumes entre a néboa', obra gañadora do VI Concurso Balbino de Relatos publicada por Edicións Fervenza, foi presentada a pasada fin de semana nun acto no que tamén se procedeu á entrega do premio ao gañador desta edición, Xosé Alfredo Naz Fernández. O acto tivo como escenario o Museo do Mar de Vigo, na cidade natal do autor, e contou co acompañamento musical de Mr. D. de “Moon Cresta”.

Entrega do premio Concurso Balbino de Relatos 2021 a Xosé Alfredo Naz
Entrega do premio Concurso Balbino de Relatos 2021 a Xosé Alfredo Naz | Fonte: remitida

No acto, Xosé Alfredo explicou aos asistentes como se xerminou a obra, resultado dos recordos de cativo nas visitas aos avós, nunha aldea do Concello de Pantón, na Ribeira Sacra, nos que os contos da tradición oral eran o nexo para as sobremesas nos tempos en que a televisión ou a radio apenas ocupaban espazo e todo se centraba nos faladoiros.

Así, o autor explicou que as fontes das que viven os relatos son mestura de realidade e ficción, pero sobre todo de contos escoitados, moitos invencións e outros terxiversados pero que forman parte dese maxín: un imaxinario que foi sementando e que dá sentido a esa cultura inmaterial, as historias pasadas de pais a fillos.Ese universo que aparece na obra, destacou o xurado, e que aínda que dende un aspecto diferente, responde ao fin último do Concurso Balbino de Relatos: encumbrar o valor do rural galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta