Ferido un home pola explosión dun aerosol na súa vivenda na Coruña

O afectado, de 69 anos, foi trasladado ao hospital.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2021 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Un home foi evacuado na mañá deste mércores ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña ao resultar ferido despois de producirse a explosión dun aerosol nunha habitación da súa vivenda, situada na Ronda de Outeiro na cidade herculina. Segundo informou o 112 Galicia, os feitos sucederon sobre as 10,15 horas deste mércores segundo indicou un veciño que chamou ao servizo de emerxencias despois de escoitar unha deflagración.

Tras iso, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros da Coruña e de Urxencias Sanitarias. Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron aos xestores do 112 que, un envase a presión, foi a causa que provocou a explosión. A pesar de que se tratou dunha "deflagración alarmante", concretan as mesmas fontes de emerxencias, unicamente se viu afectada a vivenda, pero sen apreciar danos na estrutura da edificación.

Para prestar apoio aos bombeiros e ao equipo sanitario, por parte do 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Policía Nacional e Local, ademais de pasar aviso aos efectivos de Protección Civil da localidade. En concreto, o 061 desprazou ao lugar unha ambulancia de soporte vital avanzado que levou ao home ferido, J.E.C., de 69 anos de idade, ao Hospital A Coruña, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC)
Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) | Fonte: Nemigo en Wikipedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta