Vestas comeza os despedimentos do seu persoal en Chavín sen "interese" en vender a planta

O Comité recoñece o "golpe de realidade" das primeiras cartas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2021 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A multinacional Vestas empezou a notificar por carta os despedimentos ao persoal da fábrica de Chavín, en Viveiro, con indemnizacións con 28 días por ano traballado e un máximo de 12 mensualidades, como recolle o expediente de regulación de emprego (ERE), que está recorrido polos representantes dos traballadores.

"É un golpe de realidade sen dúbida", lamenta o presidente do comité de empresa, David Mariño, consultado por Europa Press. En calquera caso, segue aberto o proceso polo cal a Xunta busca investidores interesados en facerse coa planta. A pasada semana, de feito, a conselleira de Emprego informou de que tres fondos de investimento estudan comprala, pero pon como condición que a factoría estea operativa. Pola súa banda, a compañía prevé pechar o próximo día 31 de decembro e avisou de que de momento aínda non hai "interese firme" para materializar unha operación.

Dúas persoas aplauden desde a súa xanela á concentración na que piden solución para a empresa de Vestas, durante unha folga xeral para reivindicar un futuro para a comarca, a 17 de novembro de 2021, na Mariña, Lugo, Galicia, (España). A traba. Carlos Castro - Europa Press
Dúas persoas aplauden desde a súa xanela á concentración na que piden solución para a empresa de Vestas, durante unha folga xeral para reivindicar un futuro para a comarca, a 17 de novembro de 2021, na Mariña, Lugo, Galicia, (España). A traba. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

XUNTA SOBRE ALU IBÉRICA

Na mesma xornada, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, apelou ao traballo entre administracións para buscar "solucións de futuro" para a planta de Alu Ibérica na Coruña, aínda que volveu a denunciar que por parte do Ministerio de Industria "non houbo ningunha concreción" neste últimos seis meses.

Mentres, preguntado pola proposición non de lei do BNG no Parlamento galego para que a Xunta dote á fábrica dun plan industrial participado polas administracións central e autonómico, considerou que "chega tarde". "Levamos traballando seis meses na identificación de diferentes opcións, agora o que necesitamos é identificar un investidor que poña en marcha as diferentes opcións desde o punto de vista industrial".

"Hai unha visión clara das capacidades que ten a planta de Alu Ibérica, a clave é poder identificar un socio industrial, un investidor que lle dea desenvolvemento", apostilou o conselleiro, coincidindo coa súa presenza na Coruña, onde participou na entrega dos premios do concurso de ideas para o novo edificio do Citic na Cidade do TIC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta