A Torre de Hércules iluminarase de vermello para visibilizar e sensibilizar sobre a esclerose múltiple

Con motivo do 'XXVII Día Nacional da Esclerose Múltiple', a asociación coruñesa ACEM volve reclamar o recoñecemento automático do 33% de discapacidade cando se diagnostique a enfermidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O próximo 18 de decembro conmemórase o 'XXVII Día Nacional da Esclerose Múltiple', unha enfermidade autoinmunitaria que afecta o cerebro e a medula espiñal. Afecta en todo o Estado a máis de 55.000 persoas e diagnostícase un novo caso cada 5 minutos. Con motivo deste día, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM) organiza diferentes actividades ao longo da cidade, entre as que destacan unha campaña de difusión do traballo asociativo de ACEM, así como a posta en marcha de mesas informativas e de recadación de donativos. 

Actividade no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con motivo do Día Nacional da Esclerose Múltiple. ÁREA SANITARIA DE VIGO
Actividade no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con motivo do Día Nacional da Esclerose Múltiple. ÁREA SANITARIA DE VIGO

Estes espazos estarán habilitados durante o propio día na Praza de Lugo (de 09:30 a 14:00/16.00-19.30), no centro comercial Alcampo (de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21:00 h), na rúa Juan Flórez (de 10:00 a 14:00), no Cantón Pequeno (de 10:00 a 14:00/ 16.30 -19.30) e no Carrefour de Alfonso Molina (de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20:00h), segundo indica a asociación nun comunicado. Así mesmo, para axudar na visibilización da esclerose múltiple e na sensibilización da cidadanía con respecto a esta enfermidade, iluminarase de cor vermella a Torre de Hércules e a Fonte de 4 Camiños na noite do 18 ao 19 de decembro.

RECLAMACIÓNS

 

A esclerose múltiple adoita diagnosticarse entre os 20 e os 40 anos, en pleno desenvolvemento persoal e laboral, pero tamén en menores de 18 anos. Os síntomas máis habituais, indica a asociación, son a fatiga, problemas de visión, vertixes e mareos, debilidade muscular, espasmos e problemas de equilibrio e coordinación. Moitos deles son "invisibles", como a depresión e ansiedade, a deterioración cognitiva, os trastornos da esfera sexual, pero "impactan de maneira importante na calidade de vida das persoas afectadas", sinalan.

Por iso, as persoas con esclerose múltiple veñen reclamando desde hai anos o recoñecemento automático do 33% de discapacidade co diagnóstico da enfermidade e a aprobación dun baremo de discapacidade que mida situacións que non están a ser recoñecidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta