O BNG esixe ao goberno local de Santiago que cumpra o compromiso de erixir unha estatua de Ánxel Casal

Pide "esclarecer" o asasinato do alcalde coa Lei de Memoria Democrática e volverá presentar unha lei galega de memoria histórica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O BNG reclamou ao goberno local de Santiago, do PSOE, que cumpra co acordo para erixir unha estatua de Ánxel Casal, alcalde de Compostela asasinado o franquismo en agosto de 1936. Nun acto celebrado na Praza de Cervantes ante a que foi a antiga sede do consistorio compostelán, a líder do Bloque, Ana Pontón, e a portavoz do BNG en Santiago, Goretti Sanmartín, volveron a insistir na necesidade de homenaxear a figura do rexedor e editor.

Do mesmo xeito que se demandou nos últimos actos do Bloque en memoria de Casal --cada agosto realízase un acto en recordo da súa morte--, Pontón pediu tamén "esclarecer", no marco da Lei de Memoria Democrática, o asasinato do último alcalde republicano de Compostela, así como o doutros galegos represaliados. Así mesmo, sinalou que o BNG volverá presentar no Parlamento galego unha proposta de lei memoria histórica en prol da "xustiza".

A portavoz do Bloque en Compostela, Goretti Sanmartín, lembrou que hai dous anos o Concello de Santiago aprobou unha proposta do Bloque para a instalación da estatua, pero sen que "nada" se fixera. "Estamos fartas do inmobilismo do goberno local do PSOE", censura, á vez que pide ao executivo de Xosé Sánchez Bugallo que "cumpra cos seus compromisos".

Neste acto, ao que acudiu diferentes representantes políticos do Bloque, como o deputado no Congreso, Néstor Rego, formouse sobre o chan o nome de Ánxel Casal coas portadas da revista Nós.

"GRAN DÉBEDA" CON CASAL

Así, Pontón referiuse á "gran débeda" existente coa figura de Ánxel Casal, polo que considera que homenaxealo "é un acto de xustiza e de memoria con quen deu todo por Galicia". Remarca que foi unha "persoa que deu todo por Galicia" e "un traballador incansable" polo Estatuto de Galicia, do que fixo entrega en Madrid en xullo do 36.

Igualmente, resaltou a faceta de editor de Casal na súa imprenta na Rúa do Vilar, de onde saíron "os artefactos máis subversivos que poden existir: os libros". "O orgullo e a autoestima, a capacidade de intervir culturalmente no mundo desde Galicia, na nosa lingua, co pensamento máis vangardista, coas creacións máis orixinais", valora. "Se Feijóo e o PP lesen as obras editadas por Casal, nunca se atreverían a prohibir o galego para as matemáticas ou a tecnoloxía", sostén a líder do Bloque.

Así mesmo, Goretti Sanmartín fixo un percorrido pola traxectoria de Casal e "a Compostela moderna e pensada para os veciños" coa que soñou. Lembrou que unha as ideas do rexedor era converter o Hostal dos Reis Católicos nun Museo Nacional Galego, do mesmo xeito que quería cambiar o nome deturpado de rúas. Tamén pensaba nun Ensache diferente ao que anos despois se proxectaría.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto de homenaxe a Ánxel Casal
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto de homenaxe a Ánxel Casal | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta