Piden penas que suman case 7,5 anos de cárcere para unha parella por agredirse mutuamente en varias ocasións

O home fora condenado en agosto de 2019 por un delito de malos tratos sobre a muller.

Por E.P. | VIGO | 18/12/2021 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide cinco anos e medio e case dous anos de cárcere respectivamente para os membros dunha parella por agredirse mutuamente en varias en ocasións, entre outubro de 2019 e xullo de 2020, e que serán xulgados este luns na sala do Penal 3 de Vigo.

Segundo o escrito de acusación do ministerio público, o home xa fora condenado en agosto de 2019 por un delito de malos tratos sobre a muller e tiña unha orde de afastamento da súa parella.

A pesar diso, continuou relacionándose coa muller desde o día seguinte en que se ditou esa sentenza, e atopábase con ela tanto no seu propio domicilio como na vivenda da súa parella ou na rúa. De feito, renovaron a súa relación a principios de xaneiro de 2020, a pesar da orde xudicial de afastamento, e mantiveron o contacto presencial e telefonicamente.

Os feitos que se van a xulgar comezaron na madrugada do 1 de outubro de 2019, cando o home se atopou coa súa exparella nunha cafetaría de Vigo e iniciou con ela unha discusión. Segundo a Fiscalía, "con ánimo de menoscabar a súa integridade corporal", empuxouna e tirouna ao chan.

Ao día seguinte, cando ambos estaban no domicilio del, mantiveron outra discusión, e o home empuxouna, deulle puñadas na cara, tiroulle do pelo, e deulle patadas na cabeza cando ela estaba no chan. Como consecuencia, a muller sufriu varias lesións na cara e a cabeza, tórax, pescozo e costas. Así mesmo, a muller tamén atacou ao home, ao que mordeu no peito e nunha perna.

O 16 de xaneiro de 2020, tamén de madrugada, ambos os acusados atopábanse no domicilio del, e de novo mantiveron unha discusión na que se agrediron mutuamente. Como resultado da pelexa, a muller sufriu policontusións e un traumatismo cranioencefálico leve; mentres que o seu noivo sufriu abrasións, arañazos e contusións.

En maio de 2020 produciuse outro episodio violento entre ambos, que se encerellaron noutra pelexa despois de estar consumindo alcol. Nesa ocasión, o home mordeu á súa parella no nariz, deulle puñadas na cara e rodeoulle o pescozo co brazo. En xullo de 2020, de novo houbo outra discusión, que acabou coa muller chea de hematomas na cabeza e a cara.

DELITOS E PENAS

A Fiscalía considera ao home autor dun delito de malos tratos habituais sobre a muller e tres delitos de lesións sobre a muller, coa agravante de reincidencia, e pide que sexa condenado a penas que suman 5 anos e medio de cárcere. Tamén reclama a prohibición de portar armas durante 16 anos e medio; prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante case 7 anos e medio; e 75 días de traballos en beneficio da comunidade.

Con respecto á acusada, o ministerio público solicita penas que suman 22 meses de prisión, así como a prohición de portar armas durante 3 anos e 4 meses, e a prohibición de achegarse ou comunicarse co home durante dous anos e medio.

A muller renunciou a calquera indemnización que lle puidese corresponder polas lesións sufridas.

Xulgados de Vigo. EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO - Arquivo
Xulgados de Vigo. EUROPA PRESS-FÁTIMA SOUTO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta