O VII FIC Vía XIV de Verín desenvolverase do 31 de agosto ao 04 de setembro de 2022

A edición do vindeiro ano presentará importantes novidades. Unha delas será que a sección 'Outra mirada', pensada para amosar traballos sobre o Entroido, converterase nunha xornada temática con diferentes actividades arredor deste evento tan arraigado en Verín.

Por X.M. Fernández | Verín | 20/12/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A VII edición do FIC Vía XIV de Verín, desenvolverase na vila do Támega entre os vindeiros 31 de agosto e 04 de setembro de 2022. “Deste xeito, dase continuidade a unha iniciativa cultural perfectamente incardinada xa, logo de tantas edicións, na axenda de ocio e lecer de Verín”, destaca o director do certame, Carlos Montero.

Premios da V edición do 'FIC Vía XIV de Verín'. Foto: Prensa Concello
Premios da V edición do 'FIC Vía XIV de Verín'. Foto: Prensa Concello

Nesta nova convocatoria do evento faranse unha serie de melloras, con novidades importantes segundo refire o seu director. Restruturarase a axenda do festival aumentando o número de eventos e proxeccións nos días de máis audiencia e eliminaranse aquelas xornadas que tiveron menos afluencia de público estes últimos anos.

"Forma parte da natureza dun proxecto vivo coma o noso repensarnos a nós mesmos en cada edición. Cos anos, case dun xeito orgánico, fomos adaptando a estrutura do Festival para achegarnos mellor aos nosos públicos. Todo isto levounos a prantexarnos unha VII edición moito máis intensa en programación, que implica unha redución de xornadas, pero tamén un aumento do número de eventos e proxeccións. Serán cinco días nos que Verín se convertirá nun punto de encontro vivo entre público e artistas con máis de oito horas continuas diarias de actividades pensadas para todo tipo de públicos.", expicou Montero.

Outra modificación importante será a sección a concurso “Outra Mirada”, concibida orixinalmente para mostrar traballos sobre o Entroido. Cambiará de formato transformándose nun conxunto de actividades multidisciplinares arredor deste evento festivo tan arraigado en Verín.

A PARTICIPACIÓN NO CONCURSO

As curtas que se presenten a concurso na edición de 2022 teñen que cumprir o requisito de ter sido realizadas con posterioridade a xaneiro de 2020. A participación é aberta e pode participar nel calquera persoa, amateur ou profesional, e de calquera nacionalidade.

Non se aceptarán videos publicitarios ou comerciais e as obras enviadas con anterioridade ao FIC Vía XIV quedan excluidas. A taxa de inscrición da candidatura é de tres euros e farase a través dunha plataforma tipo Festhome, que será anunciada no seu momento.

Para a súa posible preselección, as obras deben subirse no seguinte formato: MPEG4 AVC (codec H264), taxa máxima de transferencia de bits de 3000 kbps, audio: AAC., subtítulos incrustados e resolución mínima de 480 p. As películas en idiomas diferentes ao castelán ou galego deberán incluir subtítulos en castelán, galego ou inglés.

Categorías a concurso: Horizontes, baseada na idea do horizonte como metáfora das migracións; A Raia, na que se incluirán producións realizadas a ambas as dúas beiras do Miño e Nova, unha categoría xeral que recollerá filmes máis contemporáneos. Establécese un premio de 750 euros por cada categoría, e un de 600 euros que outorgará o público coas súas puntuacións.

Aceptaranse unicamente películas inferiores a 31 minutos e a organización decidirá en que categoría encadrará cada filme.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta