GC Aberto

Magritte en Madrid

Magritte é considerado polos intérpretes da súa obra artística un filósofo que pinta. Ao longo da súa vida preocupouse por teorizar acerca do vínculo entre a palabra, o obxecto e o cadro; sendo a súa pintura «Os dous misterios» (1966) paradigmática neste aspecto.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 20/12/2021

Comparte esta noticia

Quen ame a arte fará ben en ir visitar a exposición La máquina Magritte, que até o próximo 30 de xaneiro estará aberta ao público no museo Thyssen Bornemisza, integrada por case cen obras do pintor surrealista belga René Magritte (1898-1967).

As orixes da linguaxe, de Magritte
As orixes da linguaxe, de Magritte

Magritte é considerado polos intérpretes da súa obra artística un filósofo que pinta. Ao longo da súa vida preocupouse por teorizar acerca do vínculo entre a palabra, o obxecto e o cadro; sendo a súa pintura Os dous misterios (1966), que non se inclúe na mostra do Thyssen, paradigmática neste aspecto. Nela, a partir dos tres elementos principais que a compoñen (o debuxo dunha pipa, o texto «Ceci n’est pas une pipe» [Isto non é unha pipa] e a silueta gris doutra pipa de maior tamaño), pretende evidenciar que a relación que se dá entre as palabras e o que significan, entre o termo «pipa», a representación dunha pipa e a idea do que é unha pipa, non é de semellanza senón de similitude xa que non existe unha esencia que as constitúa; é dicir, quere facernos ver que as palabras e as imaxes tan só son espello de si mesmas e non remiten a un modelo externo do que serían simples copias situadas nun nivel inferior a el.

En La máquina Magritte exhíbese un cadro de contido filosófico: As orixes da linguaxe, do ano 1955.

É esta unha creación de distinta natureza a Os dous misterios. Porque non aparece ningunha palabra, aínda que tamén se nos presentan tres obxectos: o que semella ser o cumio dun menhir, suponse que fincado na terra, o mar en calma e o ceo poboado de cúmulos.

Que ten que ver esta imaxe coas orixes da linguaxe?

A xuízo do filósofo Michel Foucault, no comezo do mundo reinaba o caos: nada se podía nomear. As cousas teríanse formado por azar e carecerían de orixe, simplemente emerxeron. Porén, para Magritte parece ser que os acontecementos non se desenvolveron desta sorte posto que nolo anuncia no título da obra: a linguaxe humana ten unha orixe.

Aquí non hai homes, non hai animais, non hai plantas. Hai pedra, hai auga, hai aire, hai luz e, por conseguinte, hai cor. Estamos no primeiro día da Creación, segundo a cosmogonía xudeucristiá. Ao Home, Deus creouno na súa sexta e última xornada de traballo. Fai uns seis mil anos.

É posíbel que Magritte non seguise este esquema cando pintou o cadro; pero aínda se foi así en verdade non se mostran homes. Xorde a linguaxe e nós ausentes? Si, porque trátase dunha imaxe subxectiva: existe porque hai, polo menos, un ser humano que está a observar a escena, que está a admirar o pétreo monumento megalítico, o mar verdoso e o ceo nubrado.

Coexiste o home con estas cousas. E a linguaxe, está a suxerirnos Magritte, procede delas, emana delas. De que maneira consígueno?

Creando unha necesidade. 

Fronte ao espectáculo da natureza coa que o poñen en contacto os seus sentidos, o home síntese incitado, apelado, a darlle un nome ás múltiples cousas que percibe a través dos seus órganos sensoriais: os ollos, os ouvidos, o nariz, a lingua, a pel…. Non só para diferencialas entre si e de si mesmo, e ordenalas, senón sobre todo, dada a súa natureza social, para poder comunicalas e compartilas cos seus conxéneres. 

En presenza da mesma visión, os demais animais, incluídos os grandes simios, non souberon nin saben poñerlle nome aos obxectos que se manifestan diante deles, por iso carecen de linguaxe articulada. Non obstante, iso non implica que vivan no caos; seguramente se desenvolven nun mundo ordenado dunha maneira distinta a como o ordenamos os humanos coa nosa linguaxe, a cal descoñecemos. Se non fose desta forma xa se terían extinguido.

Estas son as miñas conclusións; mais «Non é en Montaigne senón en min onde atopo todo o que vexo nel», escribiu  Blaise Pascal nos seus Pensées. Pensamento en todo aplicábel á miña análise do cadro As orixes da linguaxe, de René Magritte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta