Por admin | Porbra do Brollón | 28/08/2025
Xurxo Ayán, arqueólogo e veciño de Cereixa, na Pobra do Brollón
Romper a terra, furar, besar, ir ás tolas, son pasos dunha cadea técnica que se mantivo até a chegada da Modernidade fascista.
Xa antes se pasara das Devesas do Rei medievais aos Plantíos borbónicos da Ilustración. O espazo cartesiano para explotar. Polígonos que obvian a paisaxe histórica e procuran novos lindes en pistas forestais e cortalumes abertos con bulldozers. As comunidades de montes procuran o beneficio rápido, tal como aprenderon no tardofranquismo. As capas de Xeoparque, Rede Natura, Reserva da Biosfera... son invisíbeis para os adoradores da resina e a celulosa.
Os grandes lumes viñeron cando chegaron as putas portuguesas, as motoserras, a farlopa e as bebidas espirituosas modernas. Cando xurdiu a autonomía e entramos en Europa. O ano 1985 é o precedente claro desta nova xeira de pirocatástrofes. Daquela arderan 400.000 hectáreas, e desde a guerra civil non se vira un operativo do Exército español de tal calibre no rural galego. Na festa do Santiago en Castroncelos houbera batalla campal entre soldados e mozos por mor da queima dunha bandeira española. Iso si, os milicos deixaron cartos durante meses na economía local. "Todos contra el fuego, tú lo puedes evitar".
Até entón o lume era xestionado pola comunidade, do mesmo xeito cós montes, os ríos e os recursos todos. Lembro con dez anos o toque de campá a rebato en Cereixa e os berros pola estrada: ¡Arde Cima de Vila! Cos eidos ainda coidados e con xente a vivir na parroquia, era aquela unha escala asequible. Dado o seu carácter esporádico e excepcional o fenómeno chamaba a atención a veraneantes americanos, emigrantes que nas vacaciòns viñan armados con cámaras de Super 8 e cámaras Polaroid. Por suposto a ningún indíxena lle daba por grabar un lume do mesmo xeito que non se grava un funeral ou un enterro.
Corenta anos despois esta é a gran diferencia. Agora os netos e netas retransmiten a desfeita en tempo real en Tik Tok, cos seus acentos de Euskadi, Madrid, Catalunya ou Franza. Actúan como corresponsais de guerra e empregan o Facebook para reclamar axuda e medios de extinción. Esas imaxes son un torpedo á liña de flotación da cosmogonía galega. Se os galos tiñan medo de que o ceo caíse sobre as súas cabezas, os galegos morremos se nos arde a casa. Somos "sociedades de casa" que diría Lévi-Strauss. Na miña aldea até fins dos 80 se ardía unha casa toda a veciñanza carretaba, axudaba na reconstrución e pedían polas parroquias lindeiras. Era esta unha lei.non escrita, o meirande símbolo da verba calamidade.
A crise económica, a pandemia, o abandono do rural, os lumes de 2017, 2021 e 2022 fomentaron un sentimento de ruína que explosionou coa destrución do pobo enteiro de San Vicenzo de Leira en Valdeorras. Un veciño ao que lle ardeu a casa declarou ante as cámaras da manipulada televisión galega: "non sei a quen botarlle a culpa porque non sei quen leva a culpa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.