Caos en colexios pola "explosión" de casos Covid: "Non traian os fillos á clase"

Un CEIP da área de Santiago pediu aos pais que non levaran os nenos tras rexistrar varios gromos entre o alumnado. A dirección considera que a medida debería ter vido da Xunta, criticada pola desorganización á hora de establecer corentenas e realizar PCRs. Outra escola da área de Santiago quedou baleira tras comunicar aos pais que non contarían faltas de asistencia se decidían deixar ás crianzas na casa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os centros educativos de Galicia comezan a pechar as súas portas por iniciativa propia ante a escalada de contaxios e os "caos" da xestión da Xunta. Nas últimas horas, transcenderon os casos de dous CEIPs da comarca de Santiago que indicaron aos pais dos seus alumnos --de xeito máis ou menos expreso-- que non enviaran os seus fillos á escola nos últimos dous días de aulas antes das vacacións de Nadal.

Alumnado de educación infantil nunha aula dun centro educativo
Alumnado de educación infantil nunha aula dun centro educativo | Fonte: Europa Press.

Así o vén de apuntar a Confederación de Anpas Galegas nunha información corroborada por ambos centros escolares, o CEIP de Pedrouzos de Brión e o CEIP da Barouta de Ames. Ambos centros toman a medida despois de rexistrar un vertixinoso aumento de contaxios nas últimas xornadas, ascendendo a un total 16 no caso de Brión e a 11 en Ames nas últimas 48 horas.

A medida foi comunicada aos pais e nais dos fillos escolarizados nestes centros, como veñen de confirmar as Anpas respectivas. Se ben no caso do Pedrouzo a petición de non levar aos fillos ao colexio foi expresa, dende o centro de Ames subliñan que non se demandou ningunha decisión por parte dos pais, limitándose a abrir a porta a non asistir, xa que as ausencias non serían contadas como falta de asistencia

Xoán Cabo Pena, director do CEIP de Pedrouzos de Brión, xustifica a medida apuntando á "explosión de casos" sufrida polo centro nas últimas xornadas. De feito, o escrito chegou aos pais na mesma xornada en que se coñeceu o primeiro gran aumento de positivos, o pasado domingo. "Non se trata de non traballar ou de coller vacacións antes, senón de preservar a seguridade sanitaria. Se quedara un mes e non dous días non o faríamos", destaca o director, que incide en que todo o equipo docente acudiu igualmente ao centro.

A mesma fonte explica que, dos máis de 500 alumnos inscritos no centro, o pasado luns asistiron pouco máis de 20, unha cifra que se reduciu ao día seguinte. Menor foi a asistencia no caso do Barouta, que pasou de "sete ou oito" alumnos a estar completamente baleiro, segundo explicou a xefatura de estudos ao Galicia Confidencial. 

UN PROTOCOLO ESCASO

As novas de institutos chamando á non asistencia nestes últimos días comezaron a espallarse polo territorio estatal e chegan a Galicia como resposta a unha situación sanitaria que se adiviña peor, a pesar de que a Xunta leva dende o pasado 1 de decembro sen actualizar os datos de contaxios covid no portal onde o fixo os últimos tres meses.

Este último episodio do que a CIG cualificou como unha "ocultación" da mala marcha dos contaxios, non logrou pór freo a unha sensación de alarma crecente entre pais e nais. Así o recoñece Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas, que subliña que o agravemento da situación sanitaria en colexios e institutos vai parello á suba de casos xeral que sofre Galicia, por riba dos 16.000 casos activos. 

Pero o peche motu propio de centros galegos tamén garda relación coa política sanitaria da Xunta de Galicia, que nas últimas semanas foi tildada de "caótica" en particular no que respecta ao peche das aulas, unha das principais ferramentas para frear o contaxio. Acontece que a Consellería de Sanidade non conta cun protocolo preciso á hora de decidir se pecha ou non as aulas, unha circunstancia que podería estar botando máis leña ao lume dos contaxios. 

 

O protocolo sanitario da Xunta para a educación universitaria, actualizado o pasado 1 de outubro, establece que as autoridades interveñen cada vez que se rexistra un brote, é dicir, polo menos tres contaxiados. Porén, non establece un baremo claro á hora de dedicir se unha aula se pecha ou non, limitándose a dicir que a decisión dependerá da “intensidade e virulencia do gromo" e o número de persoas afectadas.

 

INACCIÓN DA CONSELLERÍA

 

Esta apertura podería servir para ter en conta as particularidades de cada centro no tocante a, por exemplo, a amplitude das aulas ou o seu nivel de ventilación. Pero, na práctica, explica Fernando Lacaci, remata redundando nunha falta de intervención por parte dos poderes públicos: “Para as familias, o peche de aulas sempre se fai tarde. A xefatura territorial [de Educación] foi asumindo pouco a pouco máis risco nestas medidas. Agora supoño que confían nas vacacións de nadal para que lles saque o problema de diante”, incide.

 

Preguntada polo peche destes centros, a Consellería de Sanidade limitouse a sinalar que non existen indicacións das autoridades sanitarias "neste sentido". Precisamente, o director do CEIP O Pedrouzo, Xoán Cabo, lamenta que a Xunta non decidira mollarse ao respecto. “Penso que aí a Consellería tiña que actuar cun pouco máis de rapidez e dilixencia. Tal e como nós llo recomendamos ás familias [non asistir], se cadra tiñan que ter tomado eles unha decisión dese tipo”, asegura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 OMICRON

La gente que haga vida normal que con 2000 casos por día no los van a llamar para confinarlo del CSC o Rastreadores, de eso se encargó la Conselleria dando el servicio a Abai extell a finales de noviembre de 2021. Con sólo 300 ni 400 teleoperador@s en turno mañana y tarde y 18 teleperador@s en festivos por mínimos no da para llamar ni a 1 caso por teleoperador. En realidad, al final cuentan con que todo el mundo se contagie.