Bugallo agarda aprobar os orzamentos en xaneiro e advirte que non telos sería "desastroso" para Santiago

Aprobados 10 convenios con entidades deportivas por un importe total de 269.000 euros e outro para a creación de emprego con Cogami.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2021 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ten "certa esperanza e optimismo" en relación con que haxa un acordo para sacar adiante os orzamentos de 2022, que prevé levar a pleno o próximo mes de xaneiro. Bugallo expresou que segue "tratando de avanzar e de atopar grupos de apoio". Ademais, engadiu que todos os grupos teñen xa toda a documentación "necesaria" para poder adoptar un acordo.

Se todo segue segundo o previsto, o alcalde espera poder levar os orzamentos ao pleno no mes de xaneiro cun acordo, pero se non o hai "haberá que facelo con outra fórmula". Porque, engadiu, "a única hipótese que non é posible é a de que non haxa presupostos para o 2022". Bugallo advirte que os orzamentos son "necesarios" para poder afrontar "da mellor maneira posible" a saída da covid e para poder acceder aos fondos europeos.

Desas axudas europeas, Santiago ten concedida dúas: unha de 3 millóns de euros para o Pazo de Raxoi e outros 200.000 euros para a axenda urbana. Ademais, esta pendente de resolverse a proposta de mobilidade, a de biodiversidade e medioambiente, e a de rehabilitación. Por iso, concluíu dicindo que "non cabe que Santiago non teña presupostos" xa que sería "bastante desastroso para a coidade" non poder acceder a eses fondos.

MELLORA DAS VÍAS NO RURAL

O alcalde resaltou o anuncio dado durante o pleno polo concelleiro José Manuel Pichel no que comunicaba que nos próximos orzamentos destinarase 1 millón de euros para a mellora das vías no rural. Nesta liña, Bugallo mencionou que se falará coas persoas que viven no rural para ver cal é a súa "orde de prioridades" e por tanto poder adaptarse mellor ás súas necesidades. Desa cantidade, o Concello achegará o 40% e a Deputación o 60% restante.

A xunta de goberno extraordinaria aprobou este venres 10 convenios con entidades deportivas por un importe total de 269.000 euros, e unha axuda de 15.000 para sufragar o convenio de colaboración para a creación de emprego coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).

OBRA DE CONCHEIROS

En canto á obra de Concheiros, o alcalde reiterou que o Concello está "a facer un esforzo enorme" e tentando que todas as decisións que se tomen sexan as máis favorables, "ou as menos desfavorables", para os veciños da zona. "Hai quen tira de nós para que se tomen medidas máis radicais, como a rescisión do contrato", dixo. Sobre esta medida explicou que, se a fixesen, a obra quedaría parada e iso serían "meses e meses cos veciños sufrindo".

Por iso, concluíu expresando que están a facer todo o posible para acabar a obra o antes e mellor posible. En canto ao compromiso co plan de reactivación do comercio da zona, o alcalde dixo que coincidiría co fin da obra, pero que "se se considera oportuno porlle unha data", poderíase dicir que se poría en marcha o primeiro trimestre do ano que vén.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta