Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/04/2014 | Actualizada ás 08:00
O pasado luns seis mozos foron detidos en Santiago en relación aos altercados acontecidos durante a manifestación de armadores e tripulantes do sector do cerco o pasado 11 de marzo na capital galega. A maioría dos detidos pertencen a grupos independentistas ou anarquistas.
A Policía cre que "militantes anarquistas e independentistas" están detrás da radicalización das últimas protestas que tiveron lugar, tanto en Galicia como en Madrid. De feito, a estes grupos impútanlles os altercados acontecidos na manifestación do sector do cerco en Compostela que rematou cunha contundente carga dos antidisturbios, así como a protesta que días antes realizaron os estudantes en Vigo. Tamén os responsabilizan de ter actuado nos graves enfrontamentos que tiveron lugar logo das marchas da dignidade en Madrid.
"Persoas vinculados con grupos antisistema e tamén coa contorna do independentismo radical violento estanse infiltrando nestas protestas", apuntan desde a Policía, para "tensionar e enfrontarse contra os antidisturbios". Unha medida que, segundo este corpo de seguridade, explica a contudente actuacións destes efectivos.
O propio delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, avanzaba xa esta fin de semana o que ía acontecer. Así, nunha entrevista aseguraba que a Policía tiña no punto de mira a "dous grupos violentos". Referíase, por unha banda, a "un grupo anarquista de certa relevancia en Galicia" e doutra banda, a aqueles "da contorna independentista máis radical". Precisamente, foi contra estes dous grupos contra os que se dirixiron as detencións policiais.
De feito, a Policía traballa xa coa hipótese de que grupos independentistas e anarquistas traballen conxuntamente para tentar "despistar" aos grupos de información deste corpo. Cren que militantes dun e doutro sector actuan coordinados para, deste xeito, evitar ser detectados. Unha nova "táctica", segundo a Policía, para tentar desviar a atención e acreditar que Resistencia Galega non existe porque non só está conformado por "independentistas radicais".
Por iso, o propio Juárez descartou, tal e como avanzaran varios medios estatais de fontes policiais, é que as protestas de Madrid estiveran organizadas por militantes de Resistencia Galega. "Ademais, hai que distinguir entre Resistencia Galega, que é un grupo terrorista e persoas de contornas independentistas radicais, que ser independentista é unha opción política lexítima e ser radical pois mesmo tamén, mentres non sexa violento, e ser de Resistencia Galega é ser un terrorista, son cousas totalmente diferentes, non hai que confundilas", subliñou.
Neste sentido, defendeu a actuación dos antidisturbios. "Calquera que os vexa, e eu vinos moitas veces traballar, do que se sorprende é do moito que aguantan, son xente adestrada para aguantar moitísimo", dixo deles.
Estas actuacións provocaron as reaccións de grupos independentistas e mesmo de Anova. A formación de Beiras considera "inaceptable" que se tente "criminalizar" a persoas polo mero feito de pertencer a colectivos independentistas ou anarquistas. "Chama terrorificamente a atención o feito de que a policía española conciba que a pertenza ao anarquismo ou ao independentismo xustifican en si a detención dun grupo de persoas. A nosa pregunta, ante esta evidencia de totalitarismo, é cantas liñas mestras está disposto a traspasar o goberno do PP para defender os privilexios da clase dominante e as súas políticas agresivas contra a maioría social", apuntaba esta formación nun comunicado.
Tamén o colectivo independentista denunciou a detención dos seis activistas de Xeira, AGIR e CEL por apoiar aos mariñeiros do sector do cerco. "Nos tempos nos que vivemos quem nom lhe baila a auga ao sistema é inimigo, nom só a acçom direta, também a solidariedade se converte em delito. Se vam a por todas iremos todas a por eles! Nom nos vam calar, e nom vam frear a solidariedade", advirten nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.