"Caos" no sistema de rastrexo da Xunta: "contratan xente sen entrevistas e sen formación"

Feijóo presumía en marzo da contratación deste servizo para a "inmediata identificación de todos os casos". A empresa contratada pola Xunta por 13,8 millóns fai teleformacións exprés para buscar rastrexadores pagando 20 euros aos traballadores que "traigan un amig@ a la formación".

Por Xurxo Salgado | Compostela | 29/12/2021 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Que pasa co sistema de rastreo da Xunta?... "Caos", "descontrol" e "pouca formación" son as acusacións que nos últimos días teñen feito contaxiados de covid e os propios rastreadores sobre o que está acontecendo no servizo de seguimento contratado pola Xunta. Unhas críticas que se suman ás denuncias feitas tamén polo colectivo sanitario que di estar desbordado.

Oferta que Extel, de Abai Group, lles fixo aos seus rastrexadores para buscar xente para formala como rastrexador
Oferta que Extel, de Abai Group, lles fixo aos seus rastrexadores para buscar xente para formala como rastrexador | Fonte: remitida

En marzo deste ano, o propio presidente da Xunta anunciaba a autorización da contratación dun servizo de central telefónica de apoio á xestión da pandemia e de seguimento de contactos de infectados que até agora se contrataron a través de procedementos de urxencia. "É un sistema que permite ter o control da pandemia a través da inmediata identificación de todos os casos de infección", aseguraba Feijóo entón. En agosto sóubose que Abai Group era a firma adxudicataria do primeiro contrato dun "sistema estable de rastreadores" que, segundo a propia compañía, establece un custo total polo servizo de 13,8 millóns de euros anuais.

Un servizo que opera a través da súa empresa subsidiaria Extel, compañía que integrou hai un ano e medio na súa estrutura tras adquirila ao grupo Adecco. O propio grupo aseguraba que  "logrou implantar un novo clima laboral en Extel, deixando atrás a etapa de conflitos xudiciais que arrastraba a compañía até o momento de ser adquirida".

O QUE TERÍA QUE FACER A EMPRESA DE RASTREXO, SEGUNDO FEIJÓO

Con todo, ese clima semella que non está funcionando como Abai Group cría, sobre todo, logo do estourido de casos covid en Galicia. Supostamente, o equipo de rastrexo contratado pola Xunta ten que contactar telefonicamente con cada caso positivo, de recoller información dos contactos e de vixialos activamente e de forma diaria, tal e como detallou o propio Feijoo aquel xoves de marzo cando anunciou o concurso.

"Calquera empresa capacitada pode presentarse. Imos seguir buscando con prudencia contratos que nos dean seguridade para os próximos 12 meses. Non caso de que a pandemia rebrote ou de que non sexamos quen de vacinar en tempo a toda a poboación, nós imos a seguir coa central de seguimento activada, cos rastrexadores controlados e contratados", engadía.

Unhas promesas que están lonxe de realizarse porque a situación empeorou rápido e, a día de hoxe, en Galicia non se sabe de onde veñen moi boa parte dos contaxios. Os cidadáns quéixanse de que os rastrexadores non chaman ou chaman tarde. Non hai un seguimento dos casos e, en moitas ocasións, moitos dos contaxiados nin reciben chamada para saber da súa evolución.

CONTAXIADOS E CONTACTOS ESTREITOS SEN SEGUIMENTO

"A min antes por ser contacto directo dixeronme que me farían PCR en 10 días e agora di o conselleiro que van reducir a 5. Non o creo. Na aplicación non deixan pedir autocitas aínda. O centro de saúde non colle o teléfono e ao meu irmán contaxiado non lle devolven a chamada para coller a baixa", denuncia unha lucense que resultou contacto estreito dun positivo pero á que non están facendo ningún tipo de seguimento.

Non é unha queixa illada, outro contaxiado que acaba de pasar a covid asegura que só o chamaron ao comezo da súa corentena. "Logo non souben nada deles", apunta sobre un sistema de rastreo que "non funciona nada ben".

Os propios traballadores confirman esta sitiuación. "Non teñen xente suficiente traballando. Quedan moitos sen chamar e sen facer PCR e outras veces como non hai un control nin nada perden os datos e nunca se chama ... os sindicatos saben todo e non fan nada", denuncia. "É unha vergoña este servizo. Contratan xente sen entrevistas e sen formacion,moitos nin saben falar galego porque son de fóra e obrigan a facer máis horas e a non coller días de descanso", apunta unha traballadora que se puxo en contacto con Galicia Confidencial.

"Non respectan distancias nin normas de sanidade e xa houbo varios contaxios. Os datos dos pacientes andan por hai sen ningun control en arquivos aos que pode acceder calquera. Moitos veñen de facer campañas para Movistar", indica.

PAGAR POR TRAER XENTE PARA FORMALA

Tal é a situación de descontrol e falta de persoal que a empresa enviou aos seus propios traballadores por correo interno un correo o pasado 24 de Nadal no que convidaba a traer "novos rastreadores". "Si traes un amig@ a la formación de hoy 24/13/2021 que quiera trabajar mañana y pasado tendrás 20 euros". "Solo tiene que conectarse a las 15.30 a la meet de la formación.... Y al finalizar la formación solo tiene que indicar tu nombre".

Ata a contratación de Abai Group, a través de Extel, era Universal Soport a que realizaba este traballo con 650 empregados nunha nave do polígono de Bergondo.  Comisións Obreiras alertaba en agosto sobre os rumores que indicaba que esta nova empresa empezaría a campaña en setembro con 250 traballadores, catrocentos menos que os que había.

SANIDADE: "A EMPRESA TEN UN CONTRATO QUE TEN QUE CUMPRIR"

Constultada sobre esta situación, a Consellería de Sanidade destacou en declaracións a Galicia Confidencial que a "a empresa ten un contrato que ten que cumprir". "E agora , non cabe dúbida que o rastrexo debe ser o mellor, e asi se lle esixe. Nada que non veña no contrato", apuntaron estas fontes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta