Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 29/12/2021 | Actualizada ás 16:15
O Concello de Pontevedra trasladará un informe desfavorable á Xunta de Galicia sobre a petición remitida pola Administración autonómica na que Ence solicita a modificación do plan sectorial de incidencia supramunicipal vixente desde 2012 para a fábrica de Lourizán.
A petición entraba en novembro e os diferentes servizos do Concello elaboraron informes urbanísticos, de ordenación do territorio, e xurídicos que rexeitan esa petición. A concelleira Carme da Silva informou este mércores en rolda de prensa deste trámite e explicou que a compañía pasteira pretende legalizar a planta de coxeneración de enerxía e introducir modificacións para eliminar as balsas de decantación.
Da Silva lamentou que a Xunta traslade esta solicitude ao Concello, algo que "non se lle tramitaría a ninguén", e que a dirección da empresa presente unha solicitude baseándose na prórroga concedida polo Goberno de Rajoy en 2016, anulada pola Audiencia Nacional á espera da resolución dos recursos por parte do Tribunal Supremo.
A edil nacionalista indicou que esta acción Ence busca "seguir enredando con malas mañas á sociedade e aos traballadores" e engadiu que "o triste é que se fai coa conivencia do PP na Xunta".
Segundo detallou, entre outras cuestións, o Concello xustifica a súa negativa na inconcreción da documentación presentada pola fábrica; tamén apuntan que aparece un incremento do volume, altura e ocupación do espazo de dominio público que ocupa actualmente a instalación. Ademais engaden que non figuran parámetros de augas residuais que vai a verter Ence e que faltan previsións da rede separativa de pluviais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.