O BNG reclama a eliminación das peaxes na AP-9 e finalizar as concesións

O deputado Néstor Rego sinalou que o Goberno incumpre o seu "compromiso" de asumir o 1% que lles corresponde aos convenios de 2011 e 2013, con cargo aos Orzamentos do Estado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2021 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

Tras o anuncio do Ministerio de Transportes de subir as peaxes das autoestradas da AP-9 o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou que se lles poña fin ás concesións e "se eliminen as peaxes".

O Ministerio de Transportes anunciou que subirá as peaxes un 1,97%, en aplicación do IPC, e sumaralle un 1% que lles corresponde aos convenios de 2011 e 2013. Rego considerou esta subida como "escandalosa", cando o que "correspondería facer é eliminar a concesión e converter a Autoestrada do Atlántico en libre de peaxes".

O deputado lembrou que a Unión Europea considerou "ilegais" as prórrogas dadas polos gobernos do PSOE, de 10 anos, e a do PP, de 25 anos, que fixeron que "unha concesión que debería finalizar en 2013 teña agora prazo de finalización en 2048".

"O que corresponde non é só pór fin á concesión, senón reclamar á concesionaria todos os importes cobrados entre 2013 e 2021", sentenciou o deputado.

Néstor Rego tamén sinalou que o Goberno incumpre o seu "compromiso" de asumir o 1% que lles corresponde aos convenios de 2011 e 2013, con cargo aos Orzamentos do Estado.

Por iso, remarcou que o Goberno español "opta por seguir engordado a conta de resultados dunha multinacional á conta do peto" dos galegos e de "hipotecar" o desenvolvemento económico da Comunidade.

O deputado concluíu sentenciando que o BNG "non parará" ata "conseguir acabar con esta estafa", que agora saben que é ilegal, e que é "unha laxa" para o desenvolvemento económico de Galicia.

Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande, procedente de Pontevedra.. EUROPA PRESS - Arquivo
Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande, procedente de Pontevedra.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta