Soños e responsabilidades

As 'Viaxes sen Lee' chegan á quincuaxésima entrega. O explorador emocional Gabriel Rei-Doval enfronta a interacción entre soños e responsabilidades no limiar da súa chegada á costa leste

Por Gabriel Rei-Doval | Boston (Massachusetts, USA) | 06/01/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

terceiro simposio rematou e Javier aceptara a nosa colaboración académica: a visita a Colorado merecera a pena. Mais seguía a preguntarme polas mensaxes que o cosmos tentara enviarme naquel incesante espellismo onírico. O stress detectado polo meu radar sensorial era obvio e a conexión coa capital de Colorado innegable. Así que os tempos eran chegados de partir cara a Vermont.

Outono en Boston
Outono en Boston

Mentres despegaba do Aeroporto Internacional de Denver matinaba na miña responsabilidade ante tan intensa actividade onírica. Segundo Carl Jung, o soño é patrimonio do soñador, mais non manarían aquelas lerias malandrinas tamén do manantial parroquial e caciquil onde bebe a nación de Breogán? O cacique estadounidense controla e retorce o mundo, o galego é apenas un perdedor mandado.

A responsabilidade do soñador en liberdade é non axeonllarse ante o cacique. Os soños dominan e os soños liberan. Cómpre escoitalos, entendelos, bendicilos e mimalos, sempre con responsabilidade. Os soños durmidos nutren o noso corazón, alimentan o poder esperto do agora e gobernan os designios futuros. A consciencia dos soños fainos libres, mesmo se nos leva a enfrontar dragóns e ananas varias.

Naqueles días, unicornios idos, ananas inverosímiles, soçobras aéreas e viaxes imposibles puxeran as cartas boca arriba. Na quietude das alturas aeronáuticas, dei en meditar, deixar marchar, asumi-la responsabilidade primeira do ser: a atención interna e a metta da nosa existencia.

Aqueles soños tiñan cor cúrcuma, sabor a xenxibre e arrecendo a xabrón de lagarto. Coas ananas esvaecidas cal vapor de auga, as chairas centrais do país semellaban agora inertes, carentes de significado.

No centro de Boston, entre soños e responsabilidades
No centro de Boston, entre soños e responsabilidades

A imaxe onírica vigorosa, cal lume que fitamos con intensidade ou sol que nos cega por un tempo, esborrallárase co abrente daquela mañá apracible de outubro. Quedaba na retina, aproximándose xa á ursa maior, a súa imaxe deformada a piques de desaparecer por completo. Así acontece coas emocións intensas e as pegadas oníricas no chacra sua adhisthana, onde nada é final ata que a última imaxe celular se desintegra no cosmos da memoria.

Mentres a última nube anana se derretía no horizonte, dei en cavilar se somos responsables dos soños durmidos ou dos espertos. Por moi explícitas que sexan, as historias soñadas son incontrolables, inmunes á nosa vontade, mais as arelas do noso corazón e os degoiros do ser esperto fan parte da nosa responsabilidade vital.

Collín o portátil para poñer por escrito estas sensacións limiares, e mentres remataba as miñas notas tornei a cabeza á dereita. Alí recibín o ollar intenso de Leia, muller de pupilas burato negro en galaxia elíptica. Cando puiden arria-la mirada do seu ollar de Afrodita convulsa, inquiriu no idioma das miñas notas rumorosas, opaco á súa comprensión angla da realidade global. Pechei o meu laptop e dediqueime ó intercambio magnético de impresións, verbais e non.

Leia tiña o cabelo loiro crecho, a queixada suavemente afiada e os ollos dun azul verdoso que quitaba o impo. Aquela Venus vermontiana criárase na norteña Troy e viaxaba a Boston, onde se reuniría coa súa filla Grace. A conversa foi virando a un terreo máis persoal, e mentres cravaba na miña pupila a súa pupila azul verdoso comezou a falar con devezo de entregarse ós mundos alternativos nos que alterna-la psicoterapia chamánica, o couching alleo e os tratamentos con ayahuasca na amazonía brasileira. Faloume do seu pasado como alta funcionaria gobernamental na costa leste e do liderado corporativo do seu exmarido.

Daquela pregunteille con admiración que golpe puidera levar unha muller co brillo ocular das esmeraldas exipcias e o carisma de Angela Merkel a renunciar a unha carreira profesional tan rutilante. Fitoume con intensidade de treboada invernal en Cabo Fornos e o seu humor acuoso rebordou. Un ano antes, o seu fillo Jared acabara fulminantemente coa súa vida por Acción de Grazas; o matrimonio esborrallara na calor estival e desde entón concentrara a enerxía en crear unha nova identidade de terapeuta de harakiris no nordeste estadounidense. 

Sentín a enerxía de Leia lanzada coma nave espacial autónoma no espazo exterior: só Grace podería modular en diante a súa navegación interestelar. Cando o lume consome o cerne dos nosos soños, a determinación pode devoralo todo. Daquela xorden eses degoiros novos que nin a forza de Zeus sabe deter. Para entón, o divorcio entre soños e responsabilidades é xa sacral, irreversible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA