Pontevedra dá luz verde aos orzamentos "máis altos da súa historia" cun pleno polémico

O goberno afeou ao PP que entregara unha enmeda "infestada de faltas de ortografía".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2022 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Pontevedra aprobou este venres en sesión extraordinaria os orzamentos municipais para o ano 2022 cos votos a favor do BNG e o Partido Socialista, en contra do Partido Popular e a abstención do concelleiro non adscrito. Ascende a 85.903.000 euros, o que supón un incremento de cinco millóns de euros, un 6,4% máis que o orzamento vixente.

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo, defendeu o "orzamento máis alto da historia de Pontevedra", aludindo ao seu carácter "tremendamente expansivo" baseado, explicou, na aposta pola mellora dos servizos públicos e no incremento da partida de investimentos en case un 20%, pasando de 10,2 millóns en 2021 ata os 12 millóns en 2022.

Respecto dos servizos públicos, Raimundo González incidiu na mellora do de limpeza e tratamento de residuos municipais, que na actualidade ten un custo duns 8,2 millóns de euros. A nova xestión de todos os contratos relativos a este servizo: limpeza de colexios, de dependencias, desratización, limpeza viaria e tratamento de residuos sólidos urbanos, suporá máis de 12 millóns de euros.

En relación aos servizos públicos, o responsable de Economía e Facenda tamén se referiu ao incremento da partida de mantemento de xardíns e outras zonas verdes que pasará dos 630.000 euros a 1,2 millóns. O Servizo de Axuda no Fogar para persoas con dependencias tamén experimentará un aumento do 54%. O orzamento actual consigna 1,7 millóns de euros e pasará a 2,6 no do próximo ano. Pasarase de prestar 120.000 horas a case 200.000 horas. Ademais, os servizos relativos ao mantemento urbano experimentarán unha subida destacada.

O mantemento das instalacións eléctricas vaise duplicar; o sostemento dos espazos públicos rexistrará un incremento do 35%; e asinarase por primeira vez un contrato de mantemento de parques forestais (130.000 euros). González Carballo aclarou que na situación económica actual con reiteradas subidas de distintos servizos como a enerxía eléctrica, e a conxelación das taxas e impostos municipais desde hai 8 anos, este orzamento "parece un milagre bíblico".

EMENDA Á TOTALIDADE

A emenda á totalidade do Partido Popular foi rexeitada cos votos do Goberno local (BNG + PSOE) mentres que o concelleiro non adscrito abstívose. O portavoz do grupo municipal do PP, Rafa Domínguez, alegou que estes orzamentos "non son bos" para a cidade ao ser "improvisados" e estar "afastados da realidade".

Rafa Domínguez que "o alcalde lle perdeu o pulso aos veciños" o que, ao seu xuízo, está reflectido no "investimento baixo" das contas municipais ou no "abandono do rural". Ademais acusou ao goberno local de "esquecerse á mantenta de Monte Porreiro "o que cualificou de "vinganza". O portavoz popular fixo especial fincapé en dúas partidas: Servizos Sociais e Igualdade, que se reducen un 6,85 e un 11,35% apuntando que estes orzamentos "desdeñan a Igualdade" e "abandonan aos que máis o necesitan".

'Letras Coloridas' na Casa Consistorial de Pontevedra
'Letras Coloridas' na Casa Consistorial de Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

POLÉMICA E ENFRONTAMENTO

O concelleiro de Facenda reprochou ao Partido Popular que "currou pouco con esta emenda" xa que, presentaron un "panfletito" que está "infestado de faltas de ortografía" no que argumentan utilizando "noticias falsas" polo que, o edil nacionalista, esixiu ao PP "un pouco máis de rigor". Raimundo González Carballo lamentou a "falta de ideas" do Partido Popular, ao afirmar que Rafa Domínguez é "o peor portavoz da oposición" que tivo o Concello de Pontevedra.

O portavoz do grupo municipal do Partido Socialista, Tino Fernández, destacou que no goberno local "está a facelo ben" e "os resultados están aí". "Seguimos avanzando na folla de ruta que nos marcamos cando asinamos o acordo de goberno", remarcou, porque, engadiu son "ambiciosos" e teñen "claro" o que queren.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta