Críticas á "demencial" xestión económica do Concello de Cuntis, con facturas impagas dende o 2017

Veciñanza denuncia que o Concello xestionou case 100.000 euros en facturas irregulares só durante o último día do ano.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 09/01/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

No último pleno celebrado en Cuntis as facturas irregulares foron protagonistas. Diso se encargou o portavoz municipal de Veciñanza, que poñía de manifesto a "demencial" xestión económica do Goberno Local.

Casa concello de Cuntis
Casa concello de Cuntis | Fonte: Wikipedia

Desta forma se expresou durante o debate da Conta Xeral de 2020 que presenta "facturas impagas dende o ano 2017, así como múltiples irregularidades contables e uns indicadores que sitúan ao noso concello entre os peores da provincia no que se refire ao Periodo Medio de Pago a Provedores (PMP)". Ademais, o portavoz de Veciñanza calificou de "insostible" o "abuso" do levantamento de reparos de intervención para a xestión de débedas que incumpren a Lei de Contratos Públicos.

Como mostra desta situación, Veciñanza fixo públicos os movementos económicos rexistrados en Decretos de Alcaldía do 31 de decembro. Así, deron conta de que só durante o último día do ano, o Alcalde de Cuntis deu orde de pago por un total de 142.278'60 €, dos cales 98.200'83 € pertencen a facturas irregulares que se aboarán mediante o antes citado levantamento de reparo de intervención.

As "presas" do último día do ano por xestionar o pago de facturas e evitar así incrementar a débeda que o Concello de Cuntis arrastra dende hai cinco anos, aseguran dende Veciñanza,  levou ao Alcalde Campos a chegar case aos 100.000 euros en facturas irregulares só durante un día. Esta cifra, para un orzamento de catro millóns de euros e un concello con pouco máis de 4600 habitantes, consideran, é "absolutamente desorbitada e fala moi ás claras da xestión económica do goberno do PSOE".

Ademais, Veciñanza informaba tamén de que "un ano máis" o Concello de Cuntis inicia o exercicio "sen nin tan sequera" proposta de Orzamento Municipal. A isto respondía o Goberno Local cunha nota de prensa, na que anunciaba que traballa na presentación das contas para este ano 2022. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta