Feijóo empraza a Garzón a rectificar: "España é un produtor cárnico de excelente calidade""

Pide "respecto" ao sector cárnico e sinala, sobre Garzón: "Cando se mete a pata, o mellor é rectificar".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 14/01/2022 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu "respecto" para o sector cárnico de España e esgrimiu, ante a polémica xurdida por mor das declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, que "ás veces en política non está acertado", pero suxeriu que cando isto ocorre e "se mete a pata, o mellor é rectificar".

En declaracións aos medios en Ourense, o presidente alertou do "dano" que sofre a industria da carne en España polas "lamentables declaracións" de Garzón, cuxa "frivolidade" por "abrir un debate sobre a calidade da carne Española" reprobou, ademais de considerar que se trata de "un disparate económico e político".

Tras lamentar o "dano reputacional" para o sector, defendeu que a carne que se produce en España "compárase con vantaxe coa de calquera outro país da Unión Europea", e subliñou que, tanto os criterios de calidade alimentaria, como a rastrexabilidade dos produtos como a hixiene sanitaria e o saneamento da cabana (xa sexa vacún, porcino ou avícola) son "dos mellores" de Europa.

"En Galicia erradicáronse enfermidades no vacún que aínda teñen outras rexións europeas", exempliificou, antes de pedir "un pouco de acougo e respecto para un sector que o pasa moi mal", ademais de "volver á senda do sentido común e de dicir que España é un produtor cárnico de excelente calidade, cuns controis veterinarios moi esixentes".

"E que tomar carne española é unha decisión adecuada desde o punto de vista proteico", engadiu, "sorprendido" de que se continúe co que ve "un debate impropio". "Se hai algunha mala práctica nalgún lugar, para iso está Consumo; pero pór unha sombra de dúbida a todo o sector cárnico español é absolutamente inxusto e inmerecido", sentenciou.

'MÁIS GANDARÍA, MENOS COMUNISMO'

Sobre a campaña impulsada polo PP coa lema 'Máis gandaría, menos comunismo' e preguntado por que relación ve entre ambos os conceptos, aludiu á "filiación política" do ministro Garzón, militante do Partido Comunista", o que Feijóo identificou con "unha reliquia histórica da Europa occidental".

"É a primeira vez que no Goberno de España hai ministros do Partido Comunista e non é un tema menor", destacou, para concluír que "sorprende" que isto ocorra "nunha España europea", e que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, debería telo en conta "ao facer as súas alianzas".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Foro Ave Madrid- Ourense 'Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades', en Expoourense.. Rosa Veiga - Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Foro Ave Madrid- Ourense 'Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades', en Expoourense.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta