Galicia, primeira en cumprir o fito da vacinación pediátrica: un 73,5% xa ten unha dose

O país conclúe así os obxectivos marcados polo Ministerio de Sanidade, antes de arrincar o reforzo a menores de 40 o mércores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2022 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

A xornada deste sábado pecha a primeira fase da vacinación infantil --de 5 a 11 anos-- en Galicia despois de que este luns chegase a última remesa de doses pediátricas, pero Galicia xa cumpriu, tres semanas antes, o obxectivo marcado polo Ministerio de Sanidade de lograr o 70 por cento de cobertura nesta poboación. Así, o 75,3 por cento dos nenos e nenas coa primeira dose, Galicia convértese na primeira comunidade en lograr o fito marcado polo Ministerio de Sanidade e que situaba no 7 de febreiro lograr exceder a barreira do 70 por cento.

De feito, Galicia está moi por encima da media estatal en canto a este proceso e encara este sábado, coa administración masiva das últimas doses desta primeira remesa, máis de 30 puntos por encima que a media de comunidades, situada no 40,9 por cento.

Desde que se iniciou a campaña de vacinación o 27 de decembro de 2020, Galicia administrou 6.121.114 doses, segundo os datos actualizados da Consellería de Sanidade, publicados este sábado no Cronómetro de vacinación, e recollidos por Europa Press. Esta cifra supón 27.316 máis que o dato publicado este venres, sempre referido ao peche da xornada anterior. Ademais, Galicia tamén cumpriu os demais obxectivos de vacinación, en todos os grupos maiores de 40 anos.

En canto á campaña pediátrica, que centrou as últimas semanas xunto ás doses de reforzo, Galicia conta con 112.493 crianzas con polo menos unha dose do total de 153.059 menores que a poden recibir, é dicir, o 73,5 por cento. A seguinte comunidade en porcentaxe de dispensación de vacina pediátrica é Asturias, cun 62,6 por cento de cobertura.

Deste xeito, ata o 13 de xaneiro --posto que as deste venres 14 aínda non están computadas no informe do Ministerio de Sanidade--, Galicia vacinou 8.998 menores de entre 5 e 11 anos, aos que haberá que sumar as crianzas que recibirían a súa dose desde entón ata este sábado, día en que conclúe a primeira fase (aínda que poderá haber repescas nos próximos días deste colectivo).

A Consellería de Sanidade divide os grupos de idade de forma que inclúe parte do grupo con vacina pediátrica e parte de adultos. Sentado o anterior, fronte aos datos do venres, hai en Galicia 114.470 nenos e adolescentes de entre 10 e 14 anos vacinados, 75 máis que a xornada anterior, un dato que se explica porque os menores de 12 anos nos que se centra a campaña actualmente é no grupo de 5 a 6 anos.

SEGUINTE FITO, OS MENORES DE 40 ANOS

O seguinte reto que ten por diante Galicia é a vacinación de menos de 40 anos, que acaba de ser autorizada e ademais permite non esperar aos seis meses da última dose, senón que aos tres xa se pode recibir esta de recordo. O mércores arrinca a campaña para este grupo de idade, tras concluír coas persoas maiores de 40.

O 85,7 por cento do grupo de 30 a 39 anos en Galicia conta coa pauta completa de vacinación, o colectivo con menor taxa de cobertura actualmente (exceptuando a vacinación pediátrica). O seguinte con menor taxa de cobertura é o grupo entre 20 e 29 anos, que ten unha adherencia actualmente do 86,5 por cento e, de feito, segundo o último informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta, é o colectivo que actualmente presenta maior incidencia de covid en Galicia, xunto co de 12 a 19 e de 30 a 39 anos.

Dúas nenas tras recibir a vacina en Santiago / Europa Press. / Europa Press
Dúas nenas tras recibir a vacina en Santiago / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta