Alfredo García marca como reto "coser todas as feridas" do PSOE de Ourense

Cre que o partido "non está a funcionar" como lle "gustaría" e avoga por "facer moita pedagoxía" por parte da dirección para unir.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2022 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García --1953, Oblanca (León)--, dá un paso á fronte para liderar o PSOE provincial de Ourense co reto de "reparar, selar e coser todas as feridas" que existen nas agrupacións socialistas da provincia e defende que no seu proxecto "caben todos os militantes".

García, que é alcalde do Barco desde hai máis de 20 anos e que entre as súas responsabilidades ostentou a Presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) explica nunha entrevista concedida a Europa Press os motivos polos que aspira a liderar o partido en Ourense e mergullarse na vida orgánica, un proceso no que competirá co actual secretario xeral provincial, Rafael Rodríguez Villarino. Todo iso, baixo o convencemento de conseguir "un partido no que o militante se sinta cómodo, querido pola organización" e, sobre todo, "atendido" cando "teña algún tipo de problema".

P: Que o levou a dar este paso para presentarse á Secretaría Xeral Provincial?

Alfredo García (AG): Fundamentalmente unha cuestión, eu creo que o partido nestes momentos non está a funcionar como a min e a moitos militantes nos gustaría. Creo que estamos nun momento clave e, despois de que moitos compañeiros falasen comigo e me dixesen que era necesario que dese este paso, decidín que había que facer este esforzo, algo co que eu non contaba nun principio.

P: Que considera que falla?

AG: Creo que ten que haber relación entre os militantes, relación entre as agrupacións e relación entre estas agrupacións e a dirección. Voulle poñer un exemplo moi sinxelo: levamos 22 meses desde as eleccións municipais e os alcaldes da provincia de Ourense aínda non nos reunimos nunca.

Ademais, estou a falar con xente de determinadas agrupacións nas que hai problemas e, segundo me contan, a dirección non se implicou na solución deses problemas. Eu non quero acaparar o poder dentro do partido, o que quero é dar xogo, que haxa xente participando na dirección e que as comarcas volvan funcionar.

P: E que obxectivos se marca?

AG: Fundamentalmente ese, revivir, que o partido volva estar vivo, efervescente, que haxa actividade, propostas, ganas de chamar a máis xente para que o PSOE creza. Dentro de 16 meses temos o reto máis importante, que son as eleccións municipais, e eu, despois de pasarme toda a vida no municipalismo, quero mellorar os resultados nas próximas eleccións e conseguir a alcaldía de Ourense, que é fundamental.

Ourense cidade non pode seguir outra lexislatura máis na lea que está actualmente, sempre está a saír na prensa por cuestións que a maioría das veces nada teñen que ver coa mellora e a prestación de mellores servizos para a cidadanía. E, evidentemente, se alcanzamos uns bos resultados en Ourense, poderíase abrir o tema da Deputación, que é o segundo obxectivo que hai que conseguir.

P: Na provincia son públicas divisións en agrupacións como as da propia cidade, será fácil enterrar estas diferenzas?

AG: Pois non vai ser fácil porque son moitos anos de problemas sen solución e sen vontade de solución. Hai que ter en conta que Ourense leva un tempo absolutamente inasumible cunha xestora. Ese é o reto, reparar, selar e coser todas as feridas que se están producindo en Ourense cidade e tamén noutras agrupacións, porque falei con outras nas que hai verdadeiros problemas. Haberá que facer moita pedagoxía desde a dirección provincial, haberá que dedicar moitas horas para tentar chegar a acordos e que o partido estea unido en todas as agrupacións. Ese é o gran obxectivo e, se non o conseguimos, será difícil ter moitos éxitos despois nas eleccións.

P: Conta co apoio de persoas que apoiaron nas primarias ao novo secretario xeral do PSdeG. Considérase o candidato de Formoso?

AG: Eu sempre apoiei todos os secretarios xerais que tivo o PSdeG desde que son militante alá polos anos 1983 ou 1984 pero, en calquera caso, quero ser o candidato dos militantes de base.

P: Cre que nos procesos provinciais se repetiren as diferenzas evidenciadas no congreso galego do PSdeG?

AG: Non o sei... Evidentemente, salvo nas películas de maxia, ningunha ferida se cura de inmediato. Non hai pócimas máxicas para curar as feridas e os enfrontamentos que hai nas respectivas asociacións, neste caso en PSOE provincial de Ourense. Este é o reto, temos que saír desa disputa continua, que moitas veces non é unha disputa dos militantes de base, senón creadas por determinadas persoas. Por tanto, falar do programa ou do proxecto... ao final redúcese a iso, a resolver todos os problemas de enfrontamentos que veñen sacudíndose desde hai tempo sen que ninguén sente a tentar resolvelos.

P: Apostará pola integración se resulta vencedor?

AG: No partido que eu teño na cabeza, no meu proxecto, desde logo caben todos os militantes. Todos os que veñan traballar, con ganas de traballar e sen ningún outro tipo de intereses preconcibidos.

O alcalde do Barco de Valdeorras (Ourense), Alfredo García, concede unha entrevista a Europa Press con motivo da campaña á Secretaría Xeral do PSOE provincial de Ourense. CANDIDATURA ALFREDO GARCÍA
O alcalde do Barco de Valdeorras (Ourense), Alfredo García, concede unha entrevista a Europa Press con motivo da campaña á Secretaría Xeral do PSOE provincial de Ourense. CANDIDATURA ALFREDO GARCÍA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta