A Xunta prevé contratar persoal sen titulación para as residencias públicas, cun 2,1% de baixas por covid-19

Os candidatos deben ter experiencia en coidado de persoas dependentes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/01/2022 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social exporase contratar persoal sen titulación,sempre que teñan experiencia en coidado de persoas dependentes, nas residencias públicas para cubrir baixas do persoal derivadas da afectación polo coronavirus, no caso de necesitalo.

Varios anciáns nunha sala dunha residencia de maiores
Varios anciáns nunha sala dunha residencia de maiores | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo.

Actualmente, segundo os datos do departamento, hai 68 traballadores de baixa laboral como consecuencia da infección por SARS-Cov-2 de 3.200 persoas que compoñen o persoal, o que significa que está afectado o 2,1 por cento dos traballadores.

Esta medida foi exposta no Consello Interterritorial e Galicia mostrouse de acordo. Na primeira semana de xaneiro de 2022, había 8.367 traballadores de residencias de maiores contaxiados con covid-19 no conxunto do Estado, segundo a última actualización de datos do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), publicados o pasado venres, un informe que por primeira vez inclúe estes datos.

En previsión desta situación e ante a petición das patronais de Dependencia, o Goberno de España autorizou o pasado 30 de decembro de 2021 a contratación de persoal sen titulación, a través dunha resolución da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais froito do Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD).

OPINIÓNS DO SECTOR

A presidenta do Círculo Empresarial de Atención ás Persoas (CEAPs), Cinta Pascual, explicou que xa alertaron a todos os gobernos autonómicos e ao Goberno de España de que "a situación que se está vivindo co persoal é realmente moi preocupante".

Desde a Asociación de Empresas de Servizos para a Dependencia (Aeste), explican que enviaron unha petición a todas as consellerías para que trasladasen á normativa autonómica esa autorización. Segundo o presidente da Federación Empresarial da Dependencia, Ignacio Fernández Cid, entre un 15% e un 20% do persoal das residencias está de baixa por covid-19.

INTERVENCIÓN

Pola súa banda, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública considerou "inaceptable" que, a pesar da experiencia durante a pandemia, as persoas maiores sigan "maioritariamente" en mans de multinacionais, en referencia aos gromos rexistrados en residencias privadas galegas e para as que a asociación de familiares pediron intervención da Xunta.

Tamén para a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública é preciso "reintegralas no sistema público" de forma "urxente e "a súa coordinación" coa Atención Primaria para "garantir a promoción, prevención e tratamento das persoas maiores" nesta e futuras epidemias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta