A Xunta aprobará este ano a nova lei de loita contra incendios forestais

En 2021 rexistráronse 138 lumes, que calcinaron 4.405 hectáreas de superficie.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/01/2022 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia aprobará este ano a nova lei de loita integral contra os incendios forestais, despois de que a Comunidade rexistrase en 2021 ata 138 lumes, que calcinaron unhas 4.405 hectáreas de superficie.

Os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, participan de forma telemática no Consello Forestal de Galicia
Os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, participan de forma telemática no Consello Forestal de Galicia | Fonte: Xunta de Galicia.

O Goberno autonómico busca un "amplo consenso" na elaboración do novo texto lexislativo, que foi avalado tanto polo Servizo de prevención e defensa contra o lume, como polas universidades galegas. Así quedou constatado na reunión telemática celebrada este martes polo Consello Forestal de Galicia, presidida polo conselleiro de Medio Rural, José González, segundo a Xunta.

A norma, que se prevé que estará aprobada este ano, ten como principal obxectivo protexer ás persoas, os bens e a riqueza forestal de Galicia. "Xorde do consenso parlamentario reflectido na Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, constituída para avaliar a experiencia acumulada desde 2006, así como das súas conclusións", subliñou o Executivo galego.

Tras un proceso participativo coordinado pola Universidade de Vigo, todas estas directrices servirán de punto de partida para a elaboración do anteproxecto de lei, polo que xa foron presentadas ao Consello Forestal como paso previo ao comezo da tramitación da norma.

DIRECTRICES

Estas directrices establecerán, entre outros principios, a distribución competencial na loita contra os incendios. Tamén fundamentarán que o sistema galego de loita contra o lume terá que basearse nunha estrutura profesionalizada, composta principalmente por persoal propio da Consellería de Medio Rural, complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses.

As directrices que definan o sistema deben distinguir entre a planificación preventiva e a execución das tarefas de prevención en sentido estrito. Tamén deben contemplar a extinción e a restauración e a recuperación dos terreos afectados por un incendio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta