O PSdeG acusa a Xunta de "entregar Galicia" ao sector empresarial do xogo

A administración asegura que xa só falta un informe para o anteproxecto da lei do xogo e os socialistas lamentan a tardanza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, manifestou que unicamente queda un informe da asesoría xurídica --e a contestación oficial da comisión europea-- para que o Consello da Xunta aprobe o anteproxecto de lei do xogo de Galicia, unha tramitación que para o deputado socialista Julio Torrado foi lenta e que compara co "rapidisima" que é a Xunta para outras.

"Que máis ten que pasar e cando van desenvolver a lei do xogo? Se o anuncian, é para facelo", lanzou o deputado socialista na Comisión de Sanidade e Política Social da Cámara galega, na que lembrou que a normativa actualmente vixente é do ano 85. Así, puxo de manifesto que en 37 anos, a sociedade cambiou e concluíu que "lexislativamente, é a selva, gaña o máis forte". Neste sentido, acusou á Xunta de "entregar un territorio e unha poboación a un sector empresarial" e de "anunciar, anunciar e anunciar e advertir pero nunca facer nada" desde que empezou a falar en 2015 e 2016 da nova lei.

Pola súa banda, Villanueva, que lembrou que o xogo é unha actividade "lícita" coas súas características propias, e que a regulación dos xogos en liña recae no Estado, defendeu que desde o ano 85 se desenvolveron normas sobre o sector. En todo caso, sobre a tramitación da normativa, apuntou que o texto "é complexo" e que "non está paralizada". Así, remarcou que primeiro se constituíu un grupo de traballo, fíxose unha consulta previa pública, incorporáronse alegacións ao texto, e agora a Xunta espera pola contestación oficial da Comisión Europea --tras o CES e o Consello da Competencia--, o cal esperan recibir esta mesma semana, para dar os últimos pasos na aprobación do texto antes da tramitación parlamentaria.

Sobre a futura lei, destacou que prohibirá os anuncios de xogo en liña e presencial tanto na televisión como na radio públicas. "Vai máis aló do Ministerio de Consumo, que pon tramos horarios", destacou.

AXUDAS E ESTABLECEMENTOS DE XOGO

Villanueva tamén indicou, a preguntas do deputado, que "non existiron axudas para o xogo" diferentes dos distintos sectores afectados pola pandemia do coronavirus. Con todo, si se fixo unha tributación progresiva para os locais que teñen máquinas de xogo, posto que teñen unha taxa fixa e só se lles cobrou pola parte proporcional ao tempo en que desenvolveron a actividade.

O director xeral de Emerxencias tamén informou de que, desde 2016, instaláronse en Galicia unha sala adicional de bingo do Casino A Toja en Vigo, 40 salóns de xogo e sete tendas de apostas.

Casa de apostas na Coruña.
Casa de apostas na Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta