Nace Hostalaria.gal, unha asociación "plural" que busca "mellorar as condicións do sector"

A nova organización quere "liderar" a unidade de acción e aspira a cubrir as "carencias existentes" a nivel asociativo e organizativo. Polo momento cínguese á área de Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

Hostalaria.gal, a Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento, e Turismo de Santiago e Comarcas, presentouse como a nova organización "ampla e plural" que ten a "vontade de liderar" a unidade de acción no sector ante as súas "carencias existentes".

Na presentación este xoves en Santiago de Compostela, o director da asociación, Lois Lópes, explicou que a misión Hostalaria.gal é "mellorar as condicións das empresas do sector", sobre todo das pequenas e medianas empresas familiares, que representan á "inmensa maioría".

Ademais, Hostalaria.gal busca cubrir as "carencias existentes" desde o punto de vista asociativo e organizativo da hostalaría. Unhas carencias que, en palabras do director, saíron a relucir co paso da covid, manifestando o "vulnerable que era ante unha situación coma esta" e que deixaron o sector nunha situación "máis que complicada".

Con todo, explicou que a misión de Hostalaria.gal non é "facer fronte a esta situación concreta", senón aos problemas de "organización" do propio sector. Por iso, a asociación aspira a ser "plural", recollendo a todos os segmentos: aloxamento, turismo e restauración, incluíndo nesta o lecer nocturno.

En canto á súa segunda afirmación, ser "ampla", Lópes explicou que se refire ao ámbito xeográfico e que, "aínda que legalmente ten unha actuación a nivel Galicia", explicou que de momento se queren cinguir á área de Santiago e comarcas.

LIDERAR NO SECTOR

"Algúns botabamos en falta alguén que liderase a unidade de acción", expresou Lópes, e por iso explicou que Hostalaria.gal ten a "vontade de liderar" e de "ser o vinculo que unha todas as asociacións". Desde a directiva esperan que se vaian sumando o máximo número de empresas e indican que xa contan con máis de 80 socios. O vicepresidente de restauración nocturna, Sergio Fernández, manifestou que co tempo teñen a "ambición" de poder chegar a todas as empresas do sector, incluíndo aquelas como a distribución.

Nas próximas semanas a asociación presentarase ás distintas administracións para buscar "mecanismos de traballo conxunto" que dean como resultado un "diálogo fluído" e medidas que concilien os intereses do sector. Como explicou o director, buscan "formar parte da vida pública de Santiago".

PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DA HOSTALARÍA

Por outra banda, no acto de presentación preguntóuselles sobre o estado de Hostaleiros Federados Galegos (Hofega) e en que punto se atopa no seu proceso para converterse nunha federación. Sergio Fernández explicou que Hofega está en "tramitación administrativa" e que conta con máis de 16 asociacións das distintas provincias galegas, o que en total suman máis de 4.000 empresas. Desde Hostalaria.gal avanzaron que van ser "partícipes" da federación.

Directiva da asociación Hostalaría.Gal. ASOCIACIÓN
Directiva da asociación Hostalaría.Gal. ASOCIACIÓN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta