A Cámara reclama ao Goberno cambios normativos para garantir a legalidade de montes veciñais na costa

O Parlamento pide que se compense ás masas forestais xestionadas de forma sustentable.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2022 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

O Parlamento galego reclama ao Goberno que se reforme a lei de costas para que as titularidades de carácter comunitario como os montes veciñais poidan estar legalmente dentro de zona de dominio público marítimo-terrestre e da liña de costa, sometidas en todo caso aos límites de uso que se consideren necesarios.

Esta proposta do BNG saíu adiante na Comisión de Agricultura co apoio do PP e o rexeitamento do PSdeG. A iniciativa tamén demanda á Xunta que promova con "urxencia" medidas de apoio e asesoramento ás comunidades de montes veciñais afectadas as notificacións do Catastro nas que se notifica que a terreos propiedade das comunidades dentro da demarcación marítimo-terrestre pasan a ser considerados de titularidade do Estado.

"Aínda que nos escritos remitidos o Catastro concede un prazo de alegacións, as resolucións están a demostrarse inamovibles, o que equivale a unha incautación ou expropiación encuberta destas terras de propiedade colectiva que funcionan en beneficio da comunidade", denuncia Albert.

Lamenta que este non é o primeiro conflito que as comunidades de montes galegas teñen co Estado e sinala que urxe o recoñecemento na lexislación estatal desta forma de propiedade que permitiu o mantemento do territorio galego ao longo de séculos.

Explica que os montes veciñais non son nin titularidade pública nin privada, senón titularidades comunitarias que, ao contrario do que ocorre en Portugal, non están plenamente recoñecidas no marco legal estatal, polo que defende a modificación do artigo 9 da lei de costas, que establece que non poderán existir terreos de propiedade distinta da demanial do Estado en ningunha das pertenzas do dominio público marítimo-terrestre.

Así mesmo, a deputada nacionalista empraza ao Goberno a tomar medidas en apoio das comunidades ante o que cualifica de "expropiación encuberta" de terreos nestes espazos.

OUTRO ACORDO

Nesta comisión, tamén saíu adiante unha iniciativa que solicita ao Goberno central que aposte por recoñecer e compensar as masas forestais xestionadas de forma sustentable de forma que se permita aos seus propietarios que os créditos de carbono xerados polas absorcións lles aseguren uns ingresos complementarios, en compensación ao beneficio que ofrece á sociedade.

Esta proposición do PPdeG --transaccionada co BNG-- inclúe reclamar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que cumpra coa recomendación da Unión Europea e faga un cambio de criterio coa modificación do decreto que regula o rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono para primar aqueles derivados dunha xestión forestal sustentable.

A deputada popular Sandra Vázquez sinala que os créditos de carbono supoñen "unha ferramenta moi poderosa" e "abren un abanico de oportunidades para facer deste ámbito unha fonte de recursos suplementarios para os propietarios dos montes galegos".

María Albert (BNG), na Cámara. BNG
María Albert (BNG), na Cámara. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta