A Deputación de Ourense apoia a comercialización e a visibilización da lousa valdeorresa

Representantes do sector da lousa reuníanse días atrás co presidente, Luis Menor, nunha xornada de traballo na que se expuxeron as potencialidades do sector ao tempo que se fixou a celebración do 'Día da Lousa' no concello de Carballeda de Valdeorras para despois do verán.

Por Galicia Confidencial | Carballeda de Valdeorras | 13/05/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Membros da directiva do Clúster da Pizarra de Galicia, encabezados polo seu xerente, Severino González, recibiron en Carballeda de Valdeorras o pasado 8 de maio ao presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. O presidente da institución provincial estivo acompañado pola vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa e a deputada delegada especial para Valdeorras, María del Carmen González.

Reunión de Luis Menor co Cluster da Pizarra de Galicia. Foto: Prensa Cluster
Reunión de Luis Menor co Cluster da Pizarra de Galicia. Foto: Prensa Cluster

O encontro tiña por obxecto reforzar a cooperación institucional co sector da lousa destacando Luis Menor que a comercialización e visibilización deste produto eran “eixos fundamentais na cooperación da Deputación”. Referindo datos, referiu que na actualidade, a pizarra é o principal motor económico da comarca, xerando máis de 2.400 empregos directos (sendo o 25% emprego feminino) e preto de 10.000 postos de traballo indirectos, contribuíndo a fixar poboación no medio rural galego. Representa, ademais, o 26% do produto interior bruto da comarca.

Menor avanzou tamén a necesidade de “achegar o sector da lousa” a toda a provincia, “dando un paso máis na súa promoción e visibilización en Ourense”. Neste senso, na reunión fixouse celebrar despois do verán a conmemoración do “Día da Lousa” no primeiro Concello Mineiro de Galicia, Carballeda de Valdeorras.

TURISMO INDUSTRIAL

A reunión coa directiva do Clúster da Lousa serviu tamén para expoñer as potencialidades do turismo industrial da comarca, algo no que o Presidente do ente provincial explicou que están traballando a Deputación e a Xunta xunto co propio sector empresarial, “para que sexa unha realidade e un valor engadido máis para Valdeorras”.

Neste proxecto de turismo industrial pioneiro en Galicia, no que se promoverán as visitas ás explotacións da zona e ás paraxes que as rodean, darase ademais unha maior visibilidade a un sector crave na economía ourensá e galega. 

A xornada centrada no sector da lousa completouse, logo da reunión celebrada na sede do Clúster, coa visita a unha nave de elaboración de lousa e a unha canteira de extracción deste material.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta