Detida na Coruña unha falsa doutora de 27 anos que traballara como médico asistencial e de familia

Unha entidade denunciouna o ano pasado tras descubrir que presentara documentación falsa para o seu contrato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2022 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

A Policía Nacional detivo a unha muller de 27 anos na Coruña por intrusismo profesional e falsificación documental tras exercer durante dous anos (2020 e 2021) de doutora a pesar de carecer de titulación médica.

Segundo informou a Policía Nacional, a investigación iniciouse por mor da denuncia efectuada en outubro de 2021 por un representante dunha entidade médica da Coruña, que denunciou a unha muller a quen contrataran como doutora.

O denunciante indicou que poucas horas despois da contratación decatáronse de que a documentación achegada pola muller "era falsa", destaca a Policía Nacional, polo que procederon a rescindir o seu contrato e a interpor a denuncia.

A muller, para a súa contratación, achegara un título universitario falso, conforme o cal cursaría a licenciatura en Medicina e Cirurxía, pero comprobouse que nunca estudara na universidade da cal achegaba o certificado, indica a Policía.

Durante a investigación policial tamén se constatou que durante os anos 2020 e 2021 traballara noutras entidades médicas de Galicia, nunhas ocasións como médico asistencial, noutras como facultativo de familia, e mesmo como médica de urxencias.

ANTECEDENTES

Por todo iso, procedeuse á detención desta falsa doutora, de 27 anos de idade, o pasado día 24 de xaneiro, tras o que foi posta a disposición da autoridade xudicial. A muller xa fora arrestada en ocasións anteriores por feitos similares, segundo subliña a Policía Nacional.

A investigación levouna a cabo a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Comisaría Provincial da Coruña.

Médico nunha Consulta
Médico nunha Consulta | Fonte: SANITAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta