Por Gc Tendencias | A Coruña | 26/04/2014 | Actualizada ás 21:17
Entón Ith, fillo de Breogán divisou dende a Torre de Brighantia unha illa esmeralda , chea de vida. Chamou aos máis fieis dos seus homes, os máis avezados mariñeiros i emprendeu unha azarosa travesía polo Mar Maior, cara á conquista da Irlanda.
Este fragmento do Leabhar Ghabhala Eirean (Libro das Invasións) ponnos en situación sobre este ambicioso proxecto de Luar na Lubre e a Orquestra Sinfónica de Galicia. O Libro das Invasións é unha verdadeira xoia que nos narra a mitolóxica conformación nacional irlandesa a través de diversas invasións e dinastías. Nunha destas invasións céntrase o novo espectáculo, a dos Milesios, que tras saír dende Brigantia, actual Coruña, e pasar por diversos avatares derrotan aos Tuatha Dé Danann, antigos habitantes de Irlanda, conquistando deste xeito a illa.
Torre de Breogán foi presentado o pasado venres na Coruña. Para Bieito Romero, líder de Lúar na Lubre trátase dun “soño cumprido, un proxecto inspirado na historia da nosa cidade cunha das mellores orquestras españolas e europeas. Trátase de ofrecer calidade a través da maridaxe de dous referentes galegos a nivel musical”.
O proxecto inclúe un espectacular directo que será presentado o 21 e 22 de xuño no coruñés Palacio da Ópera. Trátase dun espectáculo no que a música e os efectos visuais fusiónanse, unha viaxe única a través da lenda dos Milesians a bordo dunha nave mecida pola música. Despois o concerto xirará por España e Europa con outras orquestras.
Pero ademais do directo, presentarase un CD e un filme dirixido por Jorge Coira. Tamén están nesta gran nave que partirá dende a Coruña o músico Nani García, a cargo dos arranxos, Diego García na dirección musical, a escenografía de Fran Aleu, habitual compañeiro da Fura dels Baus e Estefanía Cagigao a cargo do deseño.
Estrea: 21 e 22 de xuño na Coruña. Entradas xa á venda en NovaGaliciaBanco
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.