O alcalde de Entrimo contra o xigante EDP: "Non imos prohibir visitar a aldea sumerxida de Aceredo"

Ramón Alonso fai unha vella reivindicación: que a maior électrica de Portugal teña que tributar o IBI do Encoro de Lindoso. O rexedor destaca que os baixos niveis no encoro contrastan cos do Encoro de Vilariño das Furnas. Este, a tan só 10 quilómetros, está a máis do 60% da súa capacidade.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 26/01/2022 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Os baixos niveis de auga no Encoro de Lindoso non son ningunha sopresa nesta época de ano (cada outono a Eléctrica de Portugal procede a un baleirado intenso da presa) pero si se están a prolongar no tempo "dunha maneira acentuada" e contrastan coa situación do Encoro de Vilariño das Furnas. A tan só dez quilómetros, esta presa está a máis do 60% da súa capacidade. Para o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, a situación evidencia que máis aló do factor climatolóxico haberá unha razón que será, "coma sempre, económica".

Casas da aldea de Aceredo, sumerxida no encoro de Lindoso
Casas da aldea de Aceredo, sumerxida no encoro de Lindoso | Fonte: Gonzalo Blanco

"Os afluentes e ríos que verten no encoro con máis ou menos caudal, entran, e polo tanto entendo que é unha cuestión de baleirado por razóns estritamente de explotación económica", esgrime o rexedor de Entrimo. E os baixos niveis de auga no Lindoso provocan non só que aldea de Aceredo se deixe ver de cando en vez, senón que desta volta fixo que a EDP se dirixira aos rexedores de Lóbios e Entrimo solicitando colaboración para que os visitantes non se despracen á aldea pantasma de Aceredo. Algo que, como xa adiantaba Galicia Confidencial, non farán.

"Son bens que están dentro da súa propiedade, que explotan eles en exclusiva, e polo tanto que nos demanden medidas para evitar danos nos bens que agora quedan ao descuberto pola súa maneira de xestionar o encoro, non nos parece lóxico nin ten xustificación de ningún tipo" zanxa o alcalde de Entrimo. Ao email da EDP, di Ramón Alonso, non respostarán por carecer de "sustento e respostas posibles". Aínda que si estoutro asunto: "hai algunhas cuestións pendentes con eles referidas á limpeza de terreos que son propiedade súa, e levamos anos intentando que se lle dé unha solución porque están xerando problemas, así que aproveitaremos para comentarlles esta carta en concreto".

Como aproveita tamén o rexedor para facer unha vella reivindicación: corrixir o agravio comparativo cos municipios afectados por encoros. Porque, debido a un tratado hispano- portugués da década dos 50 do século pasado, o carácter transfronteirizo da presa exime e EDP de tributar o IBI que lle corresponde por este tipo de instalacións. "Levamos tempo intentando que se modifique e a día de hoxe non fomos capaces", lamenta Ramón Alonso.

O rexedor de Entrimo insta a reverter unha "situación que abonda na inxustiza do que xa foi un drama no seu momento". Porque a perda de terras útiles, de poboación, a afección que supón esta masa de auga que en cuestión de néboas e ventos mudou a climatoloxía da zona, o desarraigo, non foi compensada-- nin tan sequera-- economicamente, "cobrando o IBI que corresponde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta