O Goberno central afirma que nin a Xunta nin Ence propuxeron "un cambio de localización" por agora

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 28/01/2022 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

O Goberno central afirma, nunha resposta ofrecida ao deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino, que nin a Xunta nin Ence propuxeron "un cambio de localización" por agora da fábrica situada nos terreos de Lourizán, en Pontevedra.

Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra
Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra | Fonte: Europa Press

"Non se recibiu ningunha proposta de Ence nin da Xunta para propor un cambio de localización da referida planta", contesta o Goberno tras as preguntas formuladas polo deputado.

Ademais, sinala que o Goberno "velará en todo momento polo cumprimento da legalidade vixente no ámbito das súas competencias" e "respectará tanto o exercicio das competencias propias doutra administración pública, como a Xunta, como coas resolucións xudiciais recaídas sobre este asunto.

Galicia en Común preguntou ao Goberno pola tramitación, por parte da Xunta, "de licenzas para a realización de obras de mellora" na planta de Ence, "a pesar das tres sentencias" da Audiencia Nacional que anulan a concesión para operar na ría.

Lembra que a empresa se comprometeu a realizar estas obras no ano 2016, no marco da concesión da prórroga ata 2073 outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy, "pero nunca se executaron" a pesar de que tiñan dous anos para facelo.

Cita, ademais, que antes das tres sentencias da Audiencia Nacional, nun comunicado, a empresa "aseguraba que só acometerían as obras de poder continuar funcionando todos eses anos".

"A Xunta permite a Ence facer e desfacer á súa antollo porque os intereses son compartidos", sinalou Gómez-Reino, quen denunciou que o Executivo galego "tramita con normalidade as solicitudes de licenza para executar as supostas melloras ambientais que a entidade prometeu, coa conivencia do Goberno de Alberto Núñez Feijóo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta